Na tarde de onte, luns día 20 de outubro, tivo lugar a entrega de premios do concurso Tapas do Conde celebrado en Gondomar o pasado mes de agosto no que máis de 20 establecementos participaron nas categorías salgado e doce.
O acto de entrega tivo lugar no Pazo do Conde de Gondomar e estivo presidido polo alcalde Fernando Guitián, a concelleira de Turismo e Comercio Paula Bouzos, o Conde de Gondomar, Gonzalo Fernández de Córdoba e a presidenta da asociación de Empresarios e Comerciantes do Val Miñor, Ovalmi, Deborah Mouriño.
Na categoría de tapa salgada o primeiro premio recibiuno a cervecería Ágora, o segundo a cervecería Yantar e o terceiro o restaurante a Vitrola.
Na categoría de tapa doce a cervecería Ágora foi novamente a elixida para levar o primeiro premio, seguida do restaurante a Vitrola e a tapería Seixos, premios outorgados de acordo ás votacións particulares dos clientes.
O Conde de Gondomar, Gonzalo Fernández de Córdoba, agradeceu a presenza dos asistentes no seu fogar convidándoos a sentirse como na súa propia casa, “este pazo é parte do pobo”, comentaba.
Deborah Mouriño, presidenta de Ovalmi, resaltou a importancia de que os comerciantes traballen unidos para conseguir a promoción de Gondomar, “hai que conseguir que se achegue ao noso municipio xente doutras zonas e iso lógrase con unión e esforzo colectivo”.
Pola súa banda o alcalde de Gondomar , Fernando Guitián, fixo fincapé na necesidade de traballo conxunto non só entre os
hostaleiros, senón tamén entre estes e o Concello, “é necesario un interlocutor que esixa ao Concello aquilo que cre que pode ser bo para o pobo e desenvolver unha relación de cooperación para resolver, na medida que sexa posible, estas necesidades con beneficio colectivo”. Así mesmo, Fernando Guitián recoñeceu o Pazo do Conde de Gondomar como “un das contornas máis bonitas do Val Miñor”, e agradeceu a axuda e disposición do Conde para a celebración deste acto.
“Sen a vosa colaboración e ilusión esta iniciativa non sairía adiante”, destacaba Paula Bouzos, concelleira de Turismo e Comercio, na sua intervención e antes da entrega de premios.
Esta segunda edición do concurso Tapas do Conde aglutinou un maior número de asistentes que a edición anterior, polo que as autoridades e organizadores implicados aseguraron traballar arduamente de face ao próximo ano e converter a festa nunha tradición de referencia do verán gondomareño,
***Nas fotografías, os premiados e todos os participantes, acompañados por Fernando Guitian, Paula Bouzós, Gonzalo Fernández de Córdoba e Deborah Mouriño



