spot_img
InicioGaliciaGalicia presentará en Bruxelas a Estratexia galega de cambio climático e enerxía...

Galicia presentará en Bruxelas a Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050

Galicia presentará en Bruxelas a Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050As autoridades comunitarias escolleron Galicia como representación da contribución que se pode facer a nivel rexional na loita fronte ao cambio climático

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda presentará en Bruxelas o vindeiro 8 de outubro a Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 (EGCCE). Será a encargada de abrir a participación galega na Semana Europea das Rexións e as Cidades, un evento coordinado polo Comité das Rexións e a Dirección Xeral de Política Rexional da Comisión Europea, que durante os seus catro días de duración -do 7 ao 10 de outubro- ofrecerá un programa con máis de 300 actos previstos e 600 relatores.

Durante a segunda xornada de traballo, a Xunta ofrecerá unha conferencia centrada na aportación galega á loita contra o cambio climático a través da presentación da futura EGCCE. Esta folla de ruta en materia de clima e enerxía ten como obxectivo global acadar a neutralidade climática de Galicia antes do ano 2050 e para conseguilo, aposta pola implementación de enerxías renovables, o aproveitamento da absorción de CO2 dos montes galegos e a mellora da eficiencia enerxética en todos os sectores.

Ademais da mitigación de emisións, a EGCCE prevé outros tres ámbitos de actuación: a adaptación aos efectos do cambio climático, a sensibilización da cidadanía e a investigación e a innovación.

Así, o reforzo da monitorización dos efectos do cambio climático sobre o territorio galego e a mellora de mecanismos de resposta fronte os eventos climáticos extremos son parte fundamental das pautas de adaptación. Do mesmo modo, a transferencia de coñecemento e a mellora da concienciación e educación social e unha boa gobernanza preséntanse como eixes fundamentais para facer fronte a este reto global dende Galicia.

O Pacto dos Alcaldes
A elección de Galicia para representar ás rexións europeas neste evento é un recoñecemento ao seu labor na loita contra o cambio climático. Cómpre lembrar que a Xunta coordina na comunidade desde o ano 2017 a maior iniciativa global contra este fenómeno: o chamado Pacto dos Alcaldes polo clima e a enerxía.

Este movemento impulsado pola Unión Europea agrupa a preto de 10.000 entidades locais repartidas polos cinco continentes, e a día de hoxe son máis de 150 os concellos galegos que xa están adheridos ou en trámites de facelo, polo que o obxectivo do Goberno autonómico é que a totalidade das entidades locais de Galicia formen parte deste proxecto ao longo do ano 2020.

Todos os concellos pertencentes ao Pacto asumen un compromiso de redución de emisións do 40% para o ano 2030 con respecto ao ano 1990, un modo responsable de facer a súa achega individual a frear o quecemento global. Ao tempo, comprométense a planificar unha serie de medidas que fan máis resiliente cada termo municipal fronte aos efectos do cambio climático, nomeadamente, o aumento de temperatura, da frecuencia dos episodios de seca ou chuvia torrencial, o risco de lume forestal ou a suba do nivel do mar.

Estes compromisos están na liña dos obxectivos marcados pola propia Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050, o que coloca a Galicia na vangarda da UE en políticas de clima e enerxía e xustifica a súa elección por parte das institucións comunitarias para ofrecer un relatorio sobre a contribución que poden facer as rexións europeas na loita contra o cambio climático.

- Publicidade -spot_img