Inicio Galicia Galicia pon a proba os medios de loita contra a contaminación mariña...

Galicia pon a proba os medios de loita contra a contaminación mariña cun simulacro no Parque Nacional das Illas Atlánticas

Galicia pon a proba os medios de loita contra a contaminación mariña cun simulacro no Parque Nacional das Illas AtlánticasTrátase da primeira actuación deste tipo realizada no marco do plan de continxencias por contaminación mariña accidental específico para este espazo natural da comunidade autónoma

Efectivos do Servizo de Gardacostas de Galicia, do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) e do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia participaron nun simulacro na illa de Sálvora para poñer a proba os medios de loita contra a contaminación mariña cos que conta a Xunta. O exercicio, que estivo supervisado polo subdirector xeral de Gardacostas, Lino Sexto, e polo director-conservador do Parque Nacional das Illas Atlánticas, José Antonio Fernández Bouzas, consistiu na simulación dunha vertedura duns 3.000 litros de combustible por un buque de mercadorías nesa zona e das actuacións necesarias para controlar a mancha xerada como consecuencia dese incidente.

Co obxectivo de controlar ese vertido e delimitar a zona afectada, o buque do Servizo de Gardacostas de Galicia Irmáns García Nodal despregou unha barreira seladora de 150 metros coa axuda do persoal do Parque Nacional das Illas Atlánticas para acoutar a zona afectada e reducila ao máximo na contorna da praia do Castelo de Sálvora. Ao mesmo tempo, técnicos do Intecmar foron soltando boias na zona para facer un seguimento e control da evolución da mancha coa finalidade de determinar se a estratexia adoptada era a axeitada ou había que realizar outro tipo de actuacións.

No mar, o exercicio contou co despregue, ademais do Irmáns García Nodal, da embarcación lixeira do Servizo de Gardacostas Illa de Cortegada así como de dúas embarcacións dependentes do Parque Nacional. Desde terra, colaboraron tamén no operativo un tractor, un quad e un vehículo con enganche pertencentes ao dispositivo habitual da Consellería de Medio Ambiente neste espazo natural. Con este tipo de simulacros búscase avaliar a coordinación dos medios de intervención e adestrar aos distintos efectivos que deben actuar ante un episodio de contaminación mariña.

Esta actuación é tamén a primeira realizada no marco do plan de continxencias por contaminación mariña accidental do Parque Nacional das Illas Atlánticas, un documento específico para estes arquipélagos presentado a comezos de agosto e que elaborou o Intecmar xunto coa dirección do parque e en colaboración coa Universidade de Vigo e o Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar) co obxectivo de mellorar a protección dos valores patrimoniais que atesoura este espazo natural. O simulacro supuxo a activación do plan das Illas Atlánticas en emerxencia nivel medio e o Plan Camgal en emerxencia nivel mínimo.

Con este protocolo, que se enmarca no Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Camgal), as Consellerías do Mar e de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reforzan a súa aposta pola protección dos valores naturais, socioeconómicos e culturais que alberga o parque e pola loita contra episodios de contaminación mariña deste tipo.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies