O consorcio do proxecto Xestión integral das algas de arribazón en Galicia, -valorización por compostaxe biolóxica (Gestalgar)- fixo balance esta semana dos resultados obtidos nesta iniciativa na que se desenvolveron solucións para o uso das algas como materia prima en procesos de compostaxe biolóxica que dan lugar a abono orgánico para a rexeneración ambiental. Este proxecto aportou diferentes coñecementos que poden ser aproveitados polas confrarías de pescadores, concellos, empresas de compostaxe e polo sector da agricultura para avanzar no tratamento e valorización das algas.
Gestalgar desenvolveu a súa actividade entre setembro de 2018 e decembro de 2020, foi financiado polo Programa Conecta Peme no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020 e estivo integrado polas empresas Intacta Gestión Ambiental, Ecocelta Galicia e Demaux Manufacture, xunto co Centro Tecnolóxico do Mar e a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal).
No tempo que durou o proxecto os socios deseñaron e construíron un prototipo móbil de tratamento de algas de arribazón para compostaxe destinado a lavar este recurso e a habilitalo como materia prima para este proceso, ben nos puntos de orixe (praias) ou nos de destino (plantas de compostaxe). Este prototipo foi presentado a representantes de confrarías de pescadores e de concellos en dúas xornadas de demostración realizadas en Mugardos (A Coruña) e Campelo (Pontevedra).
Dentro deste proxecto tamén se realizaron distintos ensaios coas algas para a obtención de distintas tipoloxías de abono orgánico de cara a poder aplicalas na rexeneración de áreas afectadas por incendios, rexeneración de noiros ou tratamento de augas ácidas.
Con todo isto séntanse as bases para a creación dunha cadea de valor desde un punto de vista empresarial, de converter un residuo nun produto de valor con alta demanda e cun mercado potencial a nivel internacional.
Ademais póñense sobre a mesa distintas posibilidades para contribuír de xeito sustentable ao aproveitamento das algas de arribazón que se acumulan nas costas galegas. O seu desenvolvemento e implantación depende dos axentes implicados na cadea.