spot_img
InicioGaliciaGalicia contra Altri: a indignación da sociedade civil medra tras máis dun...

Galicia contra Altri: a indignación da sociedade civil medra tras máis dun ano de mobilizacións

galicia-contra-altri-a-indignacion-da-sociedade-civil-medra-tras-mais-dun-ano-de-mobilizacions

Milleiros de persoas participaron hoxe en Pontevedra nunha mobilización masiva contra o proxecto de fábrica de celulosa de Altri na Ulloa e a permanencia de Ence en Lourizán.

A revista ‘Cousas de’ despídese cun número especial

A marcha, que discorreu baixo o lema “Nin Ence na ría, nin Altri na Ulloa”, saíu simultaneamente dende as alamedas de Pontevedra e Marín, para confluír aos pés das instalacións da pasteira de Ence na ría, onde se leu un manifesto que chamou a “recuperar o futuro para Galicia coa saída de ENCE da ría e a paralización do proxecto de Altri”.

Pero de novo foi a oposición ao proxecto de macrocelulosa na Ulloa a que protagonizou a protesta. Dende que o 26 de maio de 2024 máis de 20.000 persoas se manifestaran contra o proxecto de Altri en Palas de Rei, o movemento de oposición non deixou de medrar. En xuño dese ano máis de 300 embarcacións acompañaban a entrada do Arctic Sunrise de Greenpeace na ría de Arousa baixo o lema “Defende o mar”. Posteriormente houbo infinitas iniciativas cada semana e outras grandes mobilizacións, como a que rodeou con milleiros de persoas a Xunta de Galicia en xuño de 2024, a que encheu até tres veces a Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela en decembro do mesmo ano ou a que reuniu a unhas 50.000 persoas e 500 embarcacións na Pobra do Caramiñal en marzo deste ano.

Se a Xunta e Altri pensaban que co tempo a masiva oposición á súa macrocelulósica ía amainar, hoxe volveuse demostrar que a sociedade civil galega non vai permitir que se destrúa a súa natureza, os seus sectores primarios e o seu patrimonio material e inmaterial. Levamos máis dun ano de loita e imos continuar até que se descarte esta barbaridade. Xa sexa por medio da voz de decenas de milleiros de persoas ou por medio de demandas xudiciais, este proxecto non vai saír adiante porque é tremendamente inxusto para o país”, afirmou Manoel Santos, coordinador de Greenpeace en Galicia. 

Proxecto da multinacional portuguesa Altri

O proxecto da multinacional portuguesa Altri pretende construír unha enorme fábrica de celulosa no corazón de Galicia (Palas de Rei, Lugo), poñendo en perigo a súa natureza e o modo de vida dos seus habitantes, para producir até 400.000 toneladas de celulosa solúbel e 200.000 de lyocell, amais doutros subproductos, como biomasa e xeso. Trátase dun megaproxecto que ameaza directamente a exigua Rede Natura 2000 galega, que está á cola do Estado en superficie protexida. Unha enorme macrocelulosa que usará até 46 millóns de litros de auga ao día, verterá 30 millóns de litros diarios de auga contaminada de volta ao río Ulla, emitirá gases tóxicos e de efecto invernadoiro, porá en perigo os sectores primarios e requirirá que se plante moito máis eucalipto, empobrecendo dramaticamente a biodiversidade. Amais, o impacto que podería ter na ría de Arousa, a xoia da coroa do marisqueo e a pesca artesanal galega, podería ser catastrófico ao sumarse á crise ecosistémica que xa está a sufrir nos últimos anos, doadamente detectábel pola escandalosa baixada na produtividade dos seus bancos marisqueiros.

- Publicidade -spot_img

[adrotate group="3"]
[adrotate group="2"]
[adrotate group="4"]
[adrotate group="5"]

Información das cookies

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecelo cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.