spot_img
InicioBaixo MiñoFronte común en Tui para reclamar unha conexión ferroviaria entre Vigo e...

Fronte común en Tui para reclamar unha conexión ferroviaria entre Vigo e Porto do siglo XXI, facendo o territorio transfronteirizo máis competitivo

Xornada Mov. transfronteiriza (Copiar)

A Deputación de Pontevedra, os concellos transfronteirizos da provincia e do Norte de Portugal reclamaron hoxe aos diferentes gobernos e administracións unha aposta real pola mellora da mobilidade na ‘raia’ do Miño  para facer o territorio transfronteirizo ser máis competitivo.

Tanto a presidenta da Deputación, Carmela Silva, como o Deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez destacaron a importancia da creación da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Río Miño para acadar fondos europeos, pero subliñaron a necesaria implicación do goberno español -en concreto- para potenciar a conexión ferroviaria entre Vigo e Porto.

Na apertura das xornadas organizadas pola Deputación sobre ‘Mobilidade transfronteiriza: a raia húmida a debate a través de casos europeos de éxito’  que se está a celebrar hoxe en Tui, a presidenta Silva destacou a importancia da cooperación entre os territorios luso e galego para rachar fronteiras. “Portugal aposta polo tren e non ocorre así no noso estado. As administracións están obrigadas a escoitar os proxectos intelixentes que se están a plantexar dende o territorio transfronteirizo do Miño coa creación da nova AECT, que demandan en voz alta investimento. Temos que ser un grande centro de atracción e esixir que os fondos de UE para desenvover os territorios transfronteirizos se destinen a eses territorios realmente”, subliñou.

Juan Manuel Trillo, Enrique Cabaleiro, Carmela Silva, Jorge Mendes e Uxío Benitez
Juan Manuel Trillo, Enrique Cabaleiro, Carmela Silva, Jorge Mendes e Uxío Benitez

Pola súa banda, o deputado Uxío Benítez sinalou que é preciso mudar a fórmula en que na actualidade os gobernos centrais dan solución aos problemas de mobilidade, xa que consideran que os seus territorios non están interconectados. Segundo dixo o nacionalista, a realidade demostra que non se pode dar unha visión centralista da mobilidade xa que, no caso da fronteira do Miño, o paso fronteirizo soporta o 47% dos fluxos entre España e Portugal e as relacións económicas son moi fortes. Explicou que, de ser un país independente, Galiza sería o oitavo estado de exportacións de Portugal, triplicando as exportacións que se dan con Brasil. “Iso son os feitos. A economía flúe, a sociedade vai por diante das administracións, polo que é necesario que os políticos contribúan a que o territorio entre Vigo-Porto estea correctamente conectado. A conexión deste eixo é máis importante que a conexión co eixo central do estado”, subliñou.

Pola súa banda, o alcalde de Tui reclamou unha lexislación propia e específica para os territorios transfronteirizos, xa que un dos principais problemas de cooperación xurde das diferentes realidades xurídico administrativas dos concellos da ‘raia’. Neste sentido, subliñou que a AECT Río Miño supón un instrumento de colaboración que permitirá desenvolver máis o territorio, pero sinalou que resulta fundamental que as conexións ferroviarias que dependen do estado central teñan un pulo inmediato. “Hai unha infraestrutura no século XXI que segue as trazas do século XIX ou XX. É imposible cohesionar o Eixo Atlántico se o tren non se desenvolve con optimización”, asegurou, defendendo a saída sur de Vigo como unha realidade. “O territorio estao pedindo a berros”, subliñou.

O presidente da Cámara de Valença, Jorge Mendes, fixo un percorrido polas diferentes políticas de colaboración e desenvolvemento postas en marcha dende a UE. Recoñeceu que “os tempos das infraestruturas xa pasaron”, pero manifestou a necesidade de que os fondos fiquen nos territorios das fronteiras, xa que se antes todos estaban destinados a estradas, pontes, eroportos agora só se destina o 20%, feito que incide directamente na mobilidade entre rexións e no seu desenvolvemento conxunto. Finalmente, o representante da USC -entidade coorganizadora das xornadas-, Juan Manuel Trillo, apuntou a importancia da colaboración entre a universidade e a realidade, da man da Deputación e os concellos, para buscar solucións á mobilidade: “As barreiras aínda existen. A nova AECT Río Miño sacará conclusións destas xornadas sobre mobilidade para o seu desenvolvemento”, finalizou.

Instrumentos financeiros dispoñibles

Os expertos relatores que están presentes hoxe en Tui tamén mostraron a súa visión da mobilidade e a cohesión transfronteirizas a través das institucións europeas.  Tanto o técnico da UE sobre cooperación territorial e AECT, Dirk Peters, como o secretario xeral da Asociación de Rexións Fronteirizas de Europa (ARFE), Martín Guillermo, fixeron referencia á escasa referencia á cooperación transfronteiriza que existe nos programas de traballo e desenvolvemento tanto do goberno central como da Xunta de Galicia. Peters subliñou que nas propostas sobre mobilidade 2014-2020 do goberno galego apenas hai dúas referencias a Portugal e outro tanto ocorre no caso dos programas lusos. “Pódese considerar divertido ou triste, segundo como se mire, que os programas de actuación falen dos territorios como illas que non teñen nada ao seu arredor”, salientou. “Se en 300 páxinas só se menciona a cooperación transfronteiriza en dúas ocasións é evidente que debe haber máis consultas entre ambos países á hora de planificar a mobilidade a nivel rexional e estatal”, insistiu, e subliñou, que a Xunta de Galicia, por exemplo, pode desenvolver proxectos moi interesantes vencellados á mobilidade tendo como referencia ás axudas para a redución de emisións de carbono.

fronte-comun-en-tui-para-reclamar-unha-conexion-ferroviaria-entre-vigo-e-porto-do-siglo-xxi-facendo-o-territorio-transfronteirizo-mais-competitivo

Pola súa parte, Martín Guillermo tamén coincidiu en que os gobernos non están a apostar pola mobilidade transfronteiriza a día de hoxe. Fronte ás críticas que apuntan á falta de fondos europeos para infraestruturas (nos programas do Interreg), asegurou que existe un grande descoñecemento en toda a Unión Europea sobre as políticas de cooperación tanto dende os gobernos autonómicos como do estado. “Hai instrumentos financeiros dispoñibles para aproveitar. Poden resultar complexos, pero están a disposición”, resaltou.

Durante a xornada sobre Mobilidade Transfronteiriza tamén houbo oco para falar de diferentes experiencias de mobilidade  de éxito na Unión Europea das que a AECT Río Miño vai tomar como modelo. O caso máis salientable foi o do relator suízo Frédéric Duvinage, director do Eurodistrito Trinacional de Basilea. Finalmente, Gorka Ugalde, director adxunto do Euskotren, non puido estar presente, mais de xeito explicativo remitiu un vídeo no que se deu a coñecer a orixe, funcionamento e funcionalidade da liña férrea do País Vasco. Tamén participaron Joaquín Palacín, director xeral de Ordenación do Territorio do Gobierno de Aragón; e Benjamín Cubillo, subdirector de Transporte público e mobilidade da Generalitat de Catalunya.

Finalmente, pola tarde, o deputado de Mobilidade e Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez,  moderou a mesa de debate sobre a mobilidade transfronteiriza como factor de desenvolvemento na que estiveron presentes Júlio Pereira, secretario executivo da Comunidade Intermunicipal do Alto Minho; Xosé Carlos Fernández, enxeñeiro técnico de Obras Públicas, responsable da web ‘O Camiño de Ferro en Galicia’; e Miguel Pazos Otón, profesor da USC e investigador en mobilidade e transportes sostibles.

 

 

- Publicidade -spot_img