
O CB A Estrada gaña a liga Nacional e ascende a División de Honra e o CB As Neves logra a permanencia na última xornada disputada en Baiona
Baiona converteuse este fin de semana en talismán para o bádminton galego ao acoller unha última xornada da liga Nacional na que os equipos da Estrada e As Neves alcanzaron os obxectivos cos que partían a principio de tempada.
E é que o Club Bádminton A Estrada asinou un fin de semana inmaculado para adxudicarse o título de liga e selar o seu ascenso á División de Honra. Os xogadores de Jesús Pereiro non fallaron e con dúas vitorias sobre o Oviedo (6-1) e o Palma (6-1) certificaron xa o sábado a súa gran tempada para distanciarse do Caser Clear Madrid, segundo clasificado con tres puntos menos.
Este domingo, un novo triunfo sobre o Alacante (6-1) pechou a súa participación no Pavillón Municipal de Baiona para coroarse campións da liga Nacional. Desta forma o equipo que preside Rodrigo Sanjurjo, tamén máximo responsable da Federación Galega de Bádminton, regresa á máxima categoría nacional e o próximo ano pelexará cos mellores clubs de España.
Pola súa banda, o Club Bádminton As Neves, organizador do campionato disputado en Baiona, tamén lograba a permanencia. Tiveron que sufrir os xogadores de Pablo Méndez ata o último suspiro, posto que o sábado caeron derrotados ante o poderoso Caser Clear (5-2) e fronte ao Hoyo Manzanares (3-4).
Todo quedaba pendente do que ocorrese a mañá deste domingo e os das Neves non fallaron. O seu triunfo sobre Torrexón Paracuellos (3-4) permitiulles lograr os puntos necesarios para continuar un ano máis na liga Nacional.
O alcalde de Baiona, Ángel Rodal; o presidente da Federación Española de Bádminton, David Cabelo; o presidente da Federación Galega, Rodrigo Sanjurjo; o responsable de promoción da Federacióin Galega, Pablo Méndez, e a concelleira de Deportes de Baiona, María Jesús Martíns, asistiron á entrega de premios que pechou un gran fin de semana de bádminton en Baiona.
Os responsables da organización agradeceron o apoio do Concello de Baiona e destacaron a excelente resposta das instalacións do Pavillón Municipal durante un fin de semana marcado polas inclemencias meteorolóxicas.
Máis información nos links: :
http://www.badminton.es/page/27431/LIGA-NACIONAL–PRIMERA-NACIONAL
http://www.badminton.es/sport/draw.aspx?id=71E35E7E-BFF2-4B84-B491-F2E4589ADA46&draw=3



