O curso de verán ‘Francisco Fernández del Riego na cultura galega do século XX’ arrinca cunha reivindicación do papel do protagonista das Letras Galegas 2023 como ideólogo do galeguismo
Pasou o Día das Letras Galegas pero prosegue o ano Francisco Fernández del Riego. Lourenzá, a vila onde naceu en 1913 o protagonista do pasado 17 de maio, é ata este mércores punto de encontro do foro Francisco Fernández del Riego na cultura galega no s. XX, onde preto de vinte especialistas achegarán novas olladas á súa vida e ao seu legado, dende os anos mozos da República ata os derradeiros da súa case centenaria vida. A cita arrincou esta tarde de luns con dúas contribucións do presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e a filóloga Malores Villanueva, biógrafa de don Paco, que poñen o acento no perfil do homenaxeado, en palabras da profesora, como “arquitecto do galeguismo”, alén do perfil máis proxectado de traballador incansable da cultura galega encargado de facer realidade as ideas concibidas por outros compañeiros.
Del Riego foi impulsor de iniciativas da resistencia cultural en pleno franquismo esenciais para a preservación e promoción da lingua e da cultura galegas, entre elas a propia celebración que este ano lle rende homenaxe cadrando co sesenta aniversario da súa creación. Víctor F. Freixanes centrou a conferencia inaugural no papel de don Paco na propia RAG, onde tamén foi -defende- un actor destacado da estratexia trazada polos galeguistas en pleno franquismo para devolverlle a súa esencia. “Na posguerra, Del Riego pilotou dende a retagarda o proceso de renovación da institución a prol da incorporación de persoeiros comprometidos coa lingua e co pensamento galeguista, esmorecido despois da contenda”, lembra. Don Paco foi ademais quen ideou a celebración do Día das Letras Galegas, “acaso a súa achega de maior transcendencia para a lingua e a cultura galegas”, e asumiu, pasados xa os 80 anos de idade, entre 1997 e 2001, a presidencia da institución iniciando un período de renovación no que a Academia se abriu á sociedade, engade.
Malores Villanueva refírese ademais a outras iniciativas fóra da RAG, como a concepción da colección Salnés de poesía, nada en 1961, e as pontes que tendeu coas novas xeracións como exemplos igualmente de que don Paco non foi simplemente un grande executor de proxectos, senón que tamén estivo á fronte da “máquina de ideas” canda outros compañeiros si recoñecidos como ideólogos, nomeadamente Ramón Piñeiro.
As institucións como esteos do país e a renovación galeguista da RAG
A Real Academia Galega, a Universidade de Santiago de Compostela e o Concello de Lourenzá coorganizan o encontro Francisco Fernández del Riego na cultura popular do s. XX, incluído na oferta de cursos de verán da USC e apoiado pola Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia e Innovación. O reitor da USC, Antonio López; a alcaldesa de Lourenzá, Rocío López; e o deputado da Área de Recursos Sostibles da Deputación de Lugo, Francisco Cajoto Caserío; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e mais o propio presidente da Academia inauguraron a cita, que se desenvolve no auditorio da Casa do Concello de Lourenzá. Todas as sesións poden seguirse tamén en directo dende a web da RAG, academia.gal.
Ideador, non só traballador
Malores Villanueva refírese tamén á proposta do Día das Letras Galegas, a recuperación de Cunqueiro para a literatura galega ou o alento que ofreceu ás novas xeracións de autores para publicaren as súas primeiras obras como claro exemplos de que Del Riego foi, ademais dun gran traballador, un estratega do galeguismo cultural e político. “Foi un arquitecto do galeguismo tremendamente activo”, resume a investigadora, que recorda que don Paco chegou a estar en dúas ocasións na cadea (en 1947 e 1954) por mor da súa actividade política antifranquista. Villanueva presentou no curso de verán un documento, cedido pola familia Álvarez Blázquez, no que Del Riego debuxa as celas da cadea na que foi retido en 1947 e explica de quen estaba rodeado.
A entrega política levou o intelectual a sacrificar en boa medida a súa ilusión de ser escritor, reflexiona a súa biógrafa, que se referiu no seu relatorio a outro documento inédito: o orixinal da novela que don Paco presentou en 1947, sen éxito, ao premio de narrativa creado polo Centro Galego de Buenos Aires. “Este texto é no 75 % O cego de Pumardedón (1992), a novela que publicou case cincuenta anos despois. Naquel momento, en plena posguerra, aquí non se podería publicar porque fala da guerra civil”.
Programa vindeiro
No compromiso político, antes e despois da guerra, profundarase na xornada deste martes, con achegas do director da Sección de Historia da RAG, Ramón Villares, o académico Lourenzo Fernández Prieto, os tamén historiadores Justo Beramendi e Uxío Breogán Diéguez e o filólogo Pablo García Martínez. Xa pola tarde, o académico Xesús Alonso Montero porá o foco na relación de Del Riego con Luís Seoane e o diálogo que supuxo a súa amizade entre o exilio interior e o exterior. O programa do segundo día do curso rematará cun percorrido didáctico pola Lourenzá de don Paco a cargo dos estudosos locais da súa figura Manuel Román e Xosé López González.
O mércores a atención centrarase nas redes de resistencia cultural que Del Riego teceu e o seu reflexo e distintos epistolarios con amigos como Ramón Otero Pedrayo, Cunqueiro, Carballo Calero e Rodrigues Lapa, a paisaxe na súa obra, os seus textos memorialísticos, o seu labor á fronte da editorial Galaxia e a Fundación Penzol e mais a Xeración Galaxia.





