A Xunta presenta en Baiona a 17ª edición deste programa turístico que oferta menús especiais que combina gastronomía galega e estadías en aloxamentos de turismo rural
A Oficina de Turismo do Concello de Baiona acolleu a presentación “17º Outono Gastronómico 2023”. A Real Vila foi parada do roteiro do autobús promocional da campaña que percorreu as principais praias da costa galega coa finalidade de captar o turismo estival para futuras viaxes outonais a Galicia. Trátase dunha iniciativa que busca promover, apoiar e impulsar accións que poidan mellorar a ocupación dos establecementos de turismo rural e o desenvolvemento do turismo en xeral nos espazos rurais de Galicia, difundir a riqueza e calidade dos produtos de proximidade e contribuír a desestacionalización do turismo rural galego.
O alcalde de Baiona, Jesús Vázquez, exerceu de anfitrión do acto no que participaron o Director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles Remy, o Presidente da Agrupación industrial de Turismo de Galicia, Cesáreo G.Pardal, a responsable de área de turismo da Deputación de Pontevedra, Nava Castro Domínguez e o Presidente de FEGATUR (Federación Galega de Turismo Rural), Francisco Xabier Almuíña Chorén quen foi o encargado de amenizar o acto tocando o instrumento tradicional da sanfona.
Gozar da gastronomía e facer unha escapada por Galicia este outono acompañado pola familia, con amigos ou en solitario é a proposta de Outono Gastronómico, un programa que conta co apoio de Turismo de Galicia e que arrinca o 15 de setembro. As casas rurais que participan nesta iniciativa ofrecerán dous menús distintos, exclusivamente concibidos para esta ocasión. A oferta estará dispoñible ata o 17 de decembro de 2023 nun total de 79 establecementos, seis máis que en 2022, cando se beneficiaron máis de 77.600 persoas.
O Outono Gastronómico en Turismo Rural é unha promoción creada no ano 2007 pola área de Produto de Turismo de Galicia en colaboración coa rede de establecementos de Turismo Rural de Galicia, que combina a gastronomía e a estancia nas casas rurais galegas a prezos moi competitivos.
Os organizadores lanzaron unha guía con toda a información para os interesados en gozar da 17ª edición de Outono Gastronómico poidan coñecer de primeira man todas as opcións dispoñibles, desde Menú Outono Gastronómico ata Outono Plus. A primeira delas inclúe a oferta gastronómica, mentres que os que ademais de degustar o menú estean interesados en pernoitar na casa de turismo rural elixida poden adquirir o Paquete Outono Gastronómico.