Inicio Galicia Feijóo "Galicia está a apostar con firmeza polo desenvolvemento dun polo aeronáutico...

Feijóo “Galicia está a apostar con firmeza polo desenvolvemento dun polo aeronáutico e aeroespacial”

ourense_aeroespacial

Feijóo presenta o Grao en Enxeñaría Aeroespacial que converterá Ourense no vértice da formación e a captación de talento do polo aeronáutico galego

O acto, que tivo lugar na Delegación da Xunta en Ourense, contou coa asistencia de numerosos membros da comunidade universitaria e autoridades. Alí estiveron Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia; Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo; Jesús Vázquez, alcalde de Ourense; Román Rodríguez, conselleiro Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; Manuel Baltar, presidente da Deputación Provincial de Ourense; Marisol Díaz, delegada territorial da Xunta en Ourense, e Arno Formella, secretario da Xunta de Titulación de Enxeñaría Aeroespacial e próximo director-comisario da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo á que nace asociado este grao. Entre o público estaban Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; José Alberto Díez de Castro, secretario xeral de Universidades; María Patrocinio Morrondo, presidenta da Acsug; Roberto Castro, subdelegado do Goberno en Ourense; Fernando Aguado, director da Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo, e os responsables de centros do campus de Ourense, entre outras persoas.

Na súa presentación o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano  recalcou que “Esta nova titulación dotará de músculo ao incipiente sector aeronáutico e aeroespacial galego”. Para facelo, indicou, o novo grao deseñouse “tendo en conta o tecido empresarial e produtivo galego e as súas necesidades”. O título de Enxeñaría Aeroespacial, subliñou Salustiano Mato, “é unha aposta que facemos desde a Universidade de Vigo para toda Galicia”, xa que será unha titulación única no Sistema Universitario Galego.

Durante a súa intervención, o reitor quixo agradecer o traballo levado a cabo pola Xunta de Titulación deste grao; polo seu presidente, José Antonio Vilán, e por todas as persoas que participaron na maduración da proposta ata a súa definitiva aprobación. Nas súas palabras, o reitor tamén quixo agradecer á Xunta de Galicia e ao seu presidente o seu compromiso con esta proposta desde os seus inicios.

Pola súa banda o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou durante a presentación do Grao en Enxeñaría Aeroespacial, que esta nova titulación converterá Ourense no vértice da formación e a captación de talento do polo aeronáutico galego, “na porta pola que entre o talento para o noso polo aeronáutico e aeroespacial”.

Feijóo explicou como a estratexia neste sector baséase nun triángulo formado por empresa (materializado no recentemente presentado Centro de Innovación Aeroespacial de Nigrán), industria (co proxecto de creación dun polígono de fabricación de drones en Rozas), e na formación, co grao presentado

Durante a súa intervención, Feijóo afirmou que Galicia está a apostar con firmeza polo desenvolvemento dun polo aeronáutico e aeroespacial que terá a forma dun triángulo con tres vértices: o das empresas, o industrial e o do talento. Nesta liña, explicou que Nigrán albergará o núcleo do sistema de intercambio de tecnoloxía. Alí terá unha sede Inaer, unha das principais empresas do sector, e se constituirá tamén a unidade de instrución e formación de operadores de sensores. O outro vértice estará en Rozas, no Centro de Investigación Aerotransportada, que acollerá un parque industrial e tecnolóxico de sistemas aéreos non tripulados para uso civil. E, o último vértice, o da formación e a captación de talento, estará en Ourense, onde se impartirá o Grao en Enxeñaría Aeroespacial.

O titular da Xunta subliñou que con esta titulación pecharase o triángulo do coñecemento aeroespacial, que permitirá aproveitar as sinerxías existentes entre a formación académica, a investigación punteira pública e privada, e a industria do sector.

Así mesmo, resaltou que se trata dunha titulación moi demandada e valorada, que na actualidade só se imparte en 10 universidades en toda España, incidindo en que este grao non só é un exemplo de cooperación entre institucións públicas e privadas a prol do desenvolvemento de Galicia, senón tamén un exemplo de colaboración dentro da Universidade de Vigo. Non en van, na redacción da memoria deste grao, participaron 6 departamentos da área científica da Universidade de Vigo, 14 da área tecnolóxica e 5 centros docentes –Escolas Superiores e Facultades-.

O presidente da Xunta quixo agradecer o compromiso da Universidade de Vigo, unha institución que, segundo lembrou, leva anos comprometida co coñecemento aeroespacial a través do traballo dos enxeñeiros do grupo de picosatélites desta Universidade, que traballa xa coa Axencia Espacial Europea e coa NASA.

Feijóo concluíu expresando o seu convencemento de que Galicia pode liderar un sector con moito valor engadido e potencial de crecemento; e facendo fincapé en que “o investimento e a innovación son dous factores esenciais do tecido económico”.

 

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies