O escritor Xosé Neira Vilas finou a pasada noite na súa casa de Santiago de Gres, Vila de Cruces. Tiña 87 anos e foi autor dun libro esencial nas letras galegas, Memorias dun neno labrego
Promoción e difusión da cultura galega
Membro numerario da Real Academia Galega e Doutor honoris causa polas universidades da Coruña e da Habana, Neira Vilas mantivo unha intensa actividade cultural e intelectual ata o seu pasamento. A súa extensa traxectoria déixanos en herdanza, ademais de ‘Memorias dun neno labrego’, máis de 70 obras, tanto de autoría propia coma traducións.
A traxectoria vital de Neira Vilas representa a dos galegos e galegas que emigraron a Arxentina na metade do século pasado para seguiren, desde a chamada ‘quinta provincia galega’, facendo medrar a nosa cultura. No seu retorno a Galicia, converteuse nun dos autores vivos máis activos e presentes, tanto a nivel literario como xornalístico, xunto coa súa dona, a escritora galego-cubana xa falecida Anisia Miranda.
Desde a Fundación Neira Vilas desenvolveron, ambos os dous, un importante labor de promoción e difusión das letras galegas, coa creación dun centro cultural, unha biblioteca e un museo etnográfico, espazos desde os que se realiza un gran traballo de dinamización cultural.
Biografía
Naceu na parroquia de Santiago de Gres (Vila de Cruces) o 3 de novembro de 1928. Escritor. Chegou a Bos Aires o 10 de febreiro de 1949 a bordo do buque Cabo de Buena Esperanza. En Bos Aires realizou diversos traballos: dependente dunha casa almacenista de tecidos, empregado dunha panadaría, traballou nunha madeireira, etc. Compatibilizou o traballo co estudo: concorreu á escola de Xornalismo do Colexio Nacional de Bos Aires, participou nos Seminarios do Instituto Grafotécnico, estudou música e, finalmente, graduouse como perito mercantil. En Bos Aires estivo en contacto permanente cun importante grupo de intelectuais galegos: Luís Seoane, Eduardo Blanco Amor, Arturo Cuadrado, Lorenzo Varela… En 1953 participou na formación das Mocedades Galeguistas, grupo que editaba o xornal Adiante. Ademais de con esta publicación, Neira Vilas colabora con outros medios como Opinión Gallega, Galicia, Lugo, Galicia Emigrante, entre outros. En 1956 formou parte da Comisión Organizadora do Primeiro Congreso da Emigración Galega en América.
En 1957 casou con Anisia Miranda, escritora cubana filla de galegos. Ambos fundaron en 1957 a libraría-editorial Follas Novas, que realizou un importante labor difusor do libro galego na Arxentina. Esta editora organizou a Feria del Libro Gallego e patrocinou a emisión radial Mirador Bibliográfico Gallego. Entre a súa obra publicada en Bos Aires cómpre destacar: Dende lonxe (Bos Aires, Follas Novas, 1960), libro de poemas; Memorias dun neno labrego (Bos Aires, Follas Novas, 1961), un dos principais títulos da literatura galega contemporánea.
En Uruguai editou Historias de emigrantes (Montevideo, Patronato da Cultura Galega, 1968). Traduciu ao galego o libro de Víctor Luis Molinari Itinerario gallego (Bos Aires, Follas Novas, 1958). En 1961 trasladouse coa súa dona a Cuba. En 1992 regresou definitivamente a Galicia.
Un neno labrego na escola
Mención á parte merece o labor didáctico desenvolvido polo autor pontevedrés, levando a súa obra e a nosa lingua por boa parte dos centros educativos de Galicia. Non en balde, ‘Memorias dun neno labrego’ é unha lectura fundamental no ensino de primaria, un exemplo da dignidade do rural galego imprescindible para educar os máis novos no amor á nosa terra e á nosa identidade.
En paralelo, e ao abeiro da fundación, Neira Vilas e Anisia Miranda crearon os premios Estornela e Arume, de teatro e poesía para nenos.
Foi membro do Comisión de Cultura Galega no Exterior do Consello da Cultura Galega e un dos escritores máis sobranceiros da cultura galega. A súa obra está marcada pola emigración que viviu en primeira persoa entre Arxentina e Cuba. Compilamos algunhas das súas participacións nesta institución arredor do fenómeno migratorio.
Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), destacou del que “representa esa característica esencial da cultura galega do século XX, que é unha combinación de Galicia-Europea e Galicia-Americana”. Na opinión do presidente do CCG na figura de Xosé Neira Vilas concéntranse varias facetas “foi un emigrante que se transformou nun autor en Bos Aires grazas ao contacto cos exiliados. Neste sentido, el é fruto do exilio máis que da emigración e combina as dúas cousas; pero tamén foi un soñador que coa súa muller Anisia se desplazou a Cuba para apoiar a revolución, como tantos latinoamericanos que crían naquel proxecto”. Ademais, Villares sintetiza a súa traxectoria vital en catro etapas “unha mocidade en Galicia, un período de formación intensísimo en Bos aires, unha experiencia que ten que ver coa creación, pero tamén coa política e coa revolución. E, por último, un retorno feliz e moi fecundo a Galicia desde os anos noventa”.




