ETEA: Universidade de Vigo e Zona Franca acordan destinar o edificio Siemens a emprendemento e o Faraday a investigación e innovación

Universidade de Vigo e Zona Franca acordan destinar o edificio Siemens a emprendemento e o Faraday a investigación e innovaciónO Consorcio da Zona Franca e a Universidade de Vigo acordaron hoxe unha nova especialización das actividades que acollerán os edificios da ETEA destinados a Campus do Mar, de xeito que o inmoble coñecido como Siemens albergará accións centradas exclusivamente en emprendemento, mentres que o Faraday centrarse na investigación e a innovación.

O reitor da Universidade, Manuel Reigosa, e o delegado do Consorcio da Zona Franca, adoptaron esta decisión no transcurso dunha xuntanza celebrada hoxe e na que avanzaron outras accións de colaboración entre ambas institucións, como a creación dunha nova cátedra.

“Esperamos que o edificio Farday, que é o que nos tocou, sirva para atraer máis talento internacional e reforzar as nosas capacidades de investigación”, asegurou o reitor que tamén avanzou a posta en marcha, “de algo importante para a cidade e a Universidade que é a universidade de verán, que esperamos que estea neste edificio, no que imos compartir moito con outras institucións”, asegurou Reigosa. Segundo o reitor, a flexibilidade do proxecto construtivo do edificio Faraday, sumado que a Zona Franca se ocupe da parte de emprendemento, “permitiranos capturar máis talento internacional para ubicar neste espazo de investigación de máximo nivel do Campus do Mar que é o noso sinal de identidade”, dixo Reigosa. Pola súa banda, o delegado do consorcio asegurou que “separando a especialización dos edificios refórzase de forma importante o proxecto. Vincular o Siemens co emprendemento vinculado á universidade cremos que é fundamental”, explicou Regades.

O delegado do consorcio confirmou que Zona Franca e Universidade solicitarán á Xunta unha xuntanza de seguimento do convenio “ porque a  Xunta tiña o compromiso de dotar os servizos e suministros e imos dicirlle que necesitamos que empecen xa coa licitación dos suministros e servizos que nos fan falta para poñer a funcionar os edificios”, dixo Regades. Sobre o inicio das obras, o delegado sinalou o ano 2019, apuntado que “queremos que a parte que ten a Xunta se realice en paralelo e se imos en sintonía deberiamos estar en obras en 2019”.

O delegado do consorcio tamén avanzou que na ETEA se estudarán zonas para mellor o aparcamento das persoas que nun futuro desenvolvan a súa actividade neste emprazamento.

Nova cátedra e novos indicadores a incluír na Ardán 

Ao marxe da nova distribución de actividades acordada para os edificios de Campus do Mar, na reunión celebrada esta mañá en dependencias de Zona Franca en Bouzas, Reigosa e Regades acordaron poñer en marcha unha nova cátedra que levará o nome do consorcio e que estará vinculada á investigación e de xeito transversal aos Traballo Fin de Grao e Fin de Máster. En canto á Cátedra Ardán decidiuse incorporar dous novos indicadores: igualdade e economía circular, así como estudar outros que se poderían introducir nun futuro.

“A posta en marcha dunha nova cátedra vai facer que esta colaboración sexa máis intensa e facer país que é a nosa obriga, vocación e anhelo, porque temos capacidade para facer un futuro mellor”, asegurou Reigosa, mentres que Regades destacou que “a Universidade de Vigo ten un gran potencial e debemos traballar para reter e formar talento”, ao tempo que comprometeu a colaboración do consorcio en proxectos nos que a institución leva implicada dende hai anos, como o vehículo UVigo Motorsport Vía Galicia, o Galileo Máster e a FindeU, Feira de Emprego Universitaria.

Please follow and like us:

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies