Coa exposición ‘Metabiosis’, comisariada polo colectivo Luscofusco, estudantes de Belas Artes propoñen no Culturgal unha reflexión sobre o consumo e a identidade
Valéndose de materiais reciclados, catro estudantes de Belas Artes propoñen unha reflexión sobre o consumo e a identidade nunha exposición inserida na programación do Culturgal. Baixo o título de Metabiosis, trátabase dun proxecto expositivo do colectivo Luscofusco, que poido visitarse no espazo de arte contemporánea desta feira das industrias culturais, na que se incluiron máis de 200 espectáculos e actividades. Entre elas atópabase tamén a presentación, na tarde deste venres, do Directorio de Artistas Globais na Galiza, resultado dun proxecto de investigación desenvolvido por investigadoras das tres universidades públicas galegas.
Unha “selva” de obxectos que perderon o seu uso
Os estudantes Dana Latorraca e Pablo Martínez, integrantes de Luscofusco, son os comisarios da exposición que representaban a Belas Artes nesta décimo oitava edición do Culturgal. Reunindo as creacións de Diosbett Montero, Sheila Parcero, Ramiro Agulla e Cristina Rus, buscaron recrear no espazo expositivo da feira “un ecosistema ou ‘selva’ a partir de materiais de refugallo”, co que propor “unha reflexión sobre os ciclos de consumo e a identidade no mundo contemporáneo”. A liña temática desta mostra, sinalan, parte das “relacións posibles entre o orgánico e o sintético”, a través do emprego nas diferentes obras dun conxunto de obxectos e materiais “que perderon a súa función orixinal ou a súa vida útil”. Estes, lembran os comisarios, “non desaparecen o planeta” e con eles é posible “construír espazos dignos e válidos, sen a necesidade de repetir ciclos de produción e consumo”. Nese senso, recoñecen a inspiración que supuxo para este proxecto “a figura do cangrexo ermitán” e como este emprega restos doutros animais, nunha forma de relación biolóxica, a metabiose, que dá nome á exposición.
“Cada obra ten unha forma distinta de achegarse a esta realidade”, salientan Latorraca e Martínez. Por exemplo, Cristina Rus presenta No pasa nada, unha obra composta de “múltiples obxectos atopados”, que dispón no chan ao longo do espazo, articulando unha reflexión sobre “os resultados das decisións que tomamos a diario”, xa que se trata de residuos que as persoas foron deixando no chan, pensando en que “non pasa nada”. Diferentes materiais extraídos de “arquitecturas abandonadas” serviron a Ramiro Agulla para dar forma a Umbral, unha proposta na que unha serie de elementos “que deixaron de cumprir a súa función” atopan unha nova nun “plano pictórico”, como destacan os comisarios.
Sheila Parcero empregou unha serie de tiras de cartón e ferro para construír “unha sorte de árbores que invaden o espazo expositivo” no seu proxecto Invasoras, co que busca abordar “a problemática que xeran en Galicia os eucaliptos”, sinalan desde Luscofusco. Finalmente, Diosbett Montero emprega “estruturas megalíticas de pedra sintética” en Cairn de lo inestable, unha obra que “abrangue temáticas como a identidade, a territorialidade, a resistencia cultural e os dereitos humanos”.




