Inicio Galicia Especialistas alertan de que os microplásticos afectan a todos os elos da...

Especialistas alertan de que os microplásticos afectan a todos os elos da cadea trófica

 workshop da rede BioaguaNo workshop da rede Bioauga, que aglutina grupos de investigación das tres universidades, os distintos especialistas que interviron, alertan de que os microplásticos afectan a todos os elos da cadea trófica. 

Galicia é unha terra de mar, un recuncho do mundo no que a auga, o océano, as rías e os ríos son centrais no eido social, cultural, económico e tamén educativo. Así o explicaba a vicerreitora de Responsabilidade Social, Igualdade e Cooperación, María Isabel Doval, na apertura do workshop Bioauga 2018, unha rede que naceu en 2014 e aglutina grupos de investigacións das tres universidades co obxectivo común de avanzar na resolución da problemática ambiental relacionada cos recursos hídricos degradados no territorio e o tratamento de augas. Neste contexto, a Rede de Biorremediación e Enerxía de Augas de Galicia, coordinada polo grupo de Física Aplicada da Universidade de Vigo, celebrou este martes no Edificio de Ciencias Experimentais esta xornada que se centrou principalmente nunha da principais ameazas ambientais: os microplásticos no medio mariño.

Doval resaltou a relevancia deste evento “dende a perspectiva do desenvolvemento sostible, os obxectivos do milenio e a Axenda 2030, na que esta vicerreitoría está especialmente implicada”. Os problemas de acceso á auga son unha fonte de conflito e desigualdade en boa parte do planeta, lembraba, e “segundo a OMS arredor de 1800 millóns de persoas viven sen acceso a auga potable, o 80% das enfermidades do mundo están relacionadas co consumo de auga contaminada e a auga mata máis nenos e nenas (4000 ao día) que os conflitos bélicos, a malaria ou enfermidades como o Sida xuntos”. Pero a protección e conservación da auga presenta cada día novos retos, un dos máis graves é a presenza de microplásticos no medio mariño que afectan a todos os elos da cadea trófica e poden mesmo chegar aos seres humanos a través da alimentación.

No acto de apertura, Jesús M. Torres Palenzuela, coordinador de Bioauga, explicaba que os obxectivos desta rede pasan por buscar sinerxías entre os grupos de traballo con liñas arredor da auga e a enerxía e centradas en eidos que van dende biorremediación, desinfección, microalgas, bioenerxía, enerxía sostible, calidade de augas e seguridade alimentaria. “Temos como finalidade buscar recursos, intercambiar metodoloxías e infraestruturas, potenciar a formación do persoal investigador e impulsar a transferencia tecnolóxica ao sector industrial e a divulgación, a través de accións coma esta xornada”, destacaba Torres.

O 3% do plástico remata no mar

A xornada centrouse principalmente na problemática dos plásticos e microplásticos para os ecosistemas mariños, coa intervención de especialistas de diferentes universidades e centros de investigación. No primeiro dos relatorios da xornada, Leonardo Mantilla explicou a experiencia do grupo Ecotox, no marco do proxecto Ephemare, coordinado polo profesor Ricardo Beiras, no estudo do impactos dos microplásticos. Cada minuto véndese un millón de botellas de plástico no mundo e cada un deses envases tarda arredor de 450 anos en desintegrarse, e mentres o fai, vaise descompoñendo en fragmentos minúsculos, os microplásticos. Segundo Mantilla, “dependendo do tamaño, os microplásticos afectan a diferentes tipos de organismos no medio mariño, pero estas partículas pódensen atopar en case todos os elos da cadea trófica, dende crías de peixes, ata moluscos ou fitoplancto”.

O investigador da Universidade de Vigo lembrou que a produción de plástico a nivel mundial está crecendo a unha escala case exponencial, sobre todo nos últimos anos, xa que os países en desenvolvemento fabrican e consumen cada vez máis plásticos pero carecen de plantas de tratamento e reciclaxe, polo que os plásticos rematan nos ríos  e no mar. “A produción mundial está arredor dos 10 millóns de toneladas por ano, e estímase que o 3% remata no mar”, avisaba.

A importancia dos aditivos

Mantilla fixo fincapé na súa intenvención en que o verdadeiro problema dos microplásticos son os aditivos. “Os plásticos están formados por polímeros e por aditivos químicos que se lles agregan, como plastificantes, retardantes de chama, estabilizantes, filtros ultravioletas, estabilizantes, antifúnxicos ou antibacterianos, segundo que tipo de uso se lle queira dar ao produto de plástico”. Existen moitos estudos, como remarcaba o investigador, que demostran que os polímeros plásticos en si mesmos non son tóxicos, “aínda que iso non significa que non contaminen”, pero si está constado que “os aditivos afectan directamente a todos os ecosistemas mariños, incluso nas grandes profundidades oceánicas”.

O experto relatou aos asistentes varios dos experimentos realizados na Ecimat con diferentes modelos animais como larvas de ourizo, mexillóns ou ciprínidos para testar os efectos da toxicidade tanto dos polímeros como dos aditivos químicos. “Cando traballamos con polímeros básicos do plástico, o efecto que obtemos nos nosos estudos é nulo, pero cando os microplásticos conteñen aditivos actúan como disruptores endocrinos para os invertebrados mariños, é dicir, que no momento da reprodución destas especies as femias deixan de producir ovos e os machos se feminízanse, dependendo do composto e da súa dose”. Este é un problema importante no medio mariño, “porque altera as pautas naturais da reprodución”, alertaba o investigador.

A xornada continuou coa intervención de Marisa Fernández, do Cetmar, que avanzou o traballo desenvolvido no proxecto CleanAtlantic para a loita contra o lixo mariño a través da cooperación rexional. Seguidamente Juan Bellas, do IEO, explicou o uso do mexillón na rede de monitoring; mentres o profesor da Universidade de Vigo Manuel Ángel Pombal presentou a experiencia de recollida de plásticos das praias galegas. Na parte final da xornada, Jesús Gago, do IEO, afondou na importancia da divulgación sobre o problema dos microplásticos e Gonzalo Cortes, do Balneario El Raposo, presentou os proxectos de innovación desta entidade.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

SÍGUENOS

39FansGóstame
272SeguidoresSeguir

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies