Inicio Galicia Entra en vigor o primeiro Plan reitor de uso e xestión das...

Entra en vigor o primeiro Plan reitor de uso e xestión das Illas Atlánticas

Parque-Nacional-Illas-Atlánticas-acada-distintivo-Carta-Europea-Turismo-Sostible-promoción-conservación-deste-patrimonio-natural

Coa publicación no DOG do documento entra maña en vigor o primeiro Plan reitor de uso e xestión das Illas Atlánticas para garantir a protección do parque nacional

O Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia contará a partir de mañá co seu primeiro Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX), un completo documento no que se recollen e regulan os usos permitidos neste espazo natural durante a vindeira década co fin de garantir unha maior protección e conservación dos seus valores. Despois de acadar o visto bo do Consello da Xunta a finais de 2018, coa publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia do decreto de aprobación do plan cómprese o último trámite para a súa entrada en vigor e dáse así un paso imprescindible na candidatura do parque nacional a ser declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco.

Trátase do primeiro PRUX co que contan as Illas Atlánticas e xorde como resultado do amplo consenso e do traballo coordinado cos diferentes sectores e actores que interveñen neste espazo natural. Así mesmo, a aprobación deste plan é un claro recoñecemento ao traballo desenvolvido durante meses polo Goberno galego para dotar ao arquipélago dunha folla de ruta na que se detallan os obxectivos e os criterios de xestión, establecendo a normativa de protección, a regulación de aproveitamentos, a zonificación e as actuacións propostas para os próximos 10 anos en materia de conservación, uso público, investigación e seguimento, entre outros aspectos.

Unha das principais novidades que se recollen no documento é que incorpora un plan de emerxencia e de autoprotección ambiental, co obxectivo de dotalo de ferramentas de planificación propias que melloren non só a capacidade de resposta ante posibles incidentes ou continxencias imprevistas, senón tamén para preservar os valores que fan destas illas un lugar incomparable.

No caso do plan de emerxencia, pretende optimizar a utilidade dos recursos técnicos e humanos dispoñibles, co obxectivo de controlar de forma rápida a evolución da emerxencia e minimizar as posibles consecuencias. Deberá estar adaptado á normativa vixente e coordinado co resto dos plans establecidos no mesmo ámbito territorial. En canto ao plan de autoprotección, contemplará a prevención dos riscos máis probables derivados das actividades que se desenvolven normalmente na contorna do parque, recollerá as previsións orzamentarias necesarias para a súa aplicación, os medios dispoñibles, e a necesaria formación das persoas. Deberá incluír tamén mecanismos de coordinación cos plans de protección civil e actualizarase periodicamente.

Límite de acceso na totalidade do parque

Outra das novidades que achega o novo PRUX é que a totalidade de illas que conforman o parque (Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada) terán por primeira vez un límite de acceso, tanto na tempada alta como na baixa, co obxectivo principal de compatibilizar o uso público e as actividades recreativas e deportivas que se desenvolvan nestes espazos cos obxectivos prioritarios de conservación do Parque Nacional.

Así, a illa de Ons contará, por primeira vez este ano, cun límite máximo de visitantes que na tempada alta –é dicir, Semana Santa e o período comprendido entre o 15 de maio e o 15 de setembro de 2019- quedará fixado en 1.300 persoas ao día para o acceso a través do transporte colectivo regular, 200 prazas reservadas para grupos e un máximo de 300 na zona de acampada. En canto á regulación do acceso a Cíes, que xa estaba limitado en anos anteriores, sitúase nos 1.800 visitantes diarios, un máximo de 200 prazas reservadas para grupos e un límite de 600 campistas; no caso de Sálvora e Cortegada, ambas illas manteñen o seu cupo actual de grupos autorizados, cun tope de 250 persoas ao día.

En tempada baixa, tanto en Cíes como en Ons establécese un cupo de 450 persoas para poder visitar e acceder a calquera das dúas en grupos organizados; mentres que en Sálvora e Cortegada o límite queda fixado en 250 persoas, tamén para cada illa.

Educación e facilitar o acceso

Achegar e informar da riqueza natural, paisaxística, patrimonial que existe neste enclave é a mellor forma de tomar conciencia dos valores que fan únicos aos distintos ecosistemas que existen no parque nacional de Galicia.

Para fomentar a educación ambiental, favoreceranse os intercambios de material e experiencias de carácter educativo con outros centros e institucións dedicadas á educación ambiental, principalmente con aqueles situados dentro da Comunidade Autónoma de Galicia; e fomentaranse as actividades para a atención e a integración de persoas con discapacidade intelectual, autismo, parálise ou dano cerebral.

Regulación dos aproveitamentos pesqueiros

Un dos obxectivos deste documento é o fomento do mantemento das actividades profesionais tradicionais, sobre todo, as de aproveitamento dos recursos mariños naturais. O PRUX vela pola aplicación de medidas compatibles coa conservación dos hábitats de interese comunitarios ou as áreas de especial interese para o mantemento daquelas actividades que se atopen reguladas polo organismo autonómico competente en materia de ordenación pesqueira en augas interiores, marisqueo e acuicultura.

Así, proponse unha regulación dos aproveitamentos pesqueiros e marisqueiros, en consenso co sector, para manter as actividades que se viñan desenvolvendo ata o momento, promover o deseño e aplicación dun código de boas prácticas e impulsar unha marca de calidade.

Outras das novidades do PRUX é a implantación dunha nova zonificación no parque nacional, tendo en conta a súa dimensión vertical e a profundidade das augas. Con este sistema, que por primeira vez se aplica nun parque nacional, ademais das cinco zonas xa recoñecidas (zona de reserva, de uso restrinxido, de uso moderado, de uso especial e de edificacións existentes), créase unha nova zonificación do medio mariño, ao ter en conta a dimensión vertical para adecuar a súa delimitación ás distintas profundidades e ecosistemas.

Oito liñas de traballo

As Illas Atlánticas, único parque nacional existente na Comunidade, destacan polo seu enorme valor ambiental, paisaxístico e desde o punto de vista da biodiversidade, xa que conta con 34 hábitats de interese comunitario dos 90 que hai en Galicia. Para seguir mantendo estes valores estableceranse plans para a eliminación de especies alóctonas e protección de flora de interese.

Por último, o novo Plan Reitor de Uso e Xestión estará acompasado polo desenvolvemento dun plan de actuacións con oito liñas de traballo, centradas na conservación da biodiversidade e a paisaxe, a investigación, o uso público, a conservación do patrimonio cultural, a mellora da sustentabilidade e a calidade de vida, e a definición dun plan de emerxencias, outro de autoprotección e un de desenvolvemento sostible. Un plan de acción que cada ano dos 10 que terá de vixencia o PRUX, implicará investir 2,6 millóns de euros.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

SÍGUENOS

32FansGóstame
260SeguidoresSeguir

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies