spot_img
InicioVal MiñorBaiona'El Pairo 8', do Real Club Náutico de Vigo novo campión do...

‘El Pairo 8’, do Real Club Náutico de Vigo novo campión do Trofeo Repsol de Vela

el-pairo-8-do-real-club-nautico-de-vigo-novo-campion-do-trofeo-repsol-de-vela
Tripulación do Pairo 8 recollendo o premio

O barco do Real Club Náutico de Vigo patroneado por Luís Bugallo alzouse este domingo vencedor do trofeo organizado polo Monte Real Club de Yates de Baiona.

El Pairo 8, do Real Club Náutico de Vigo, é o novo campión do Trofeo Repsol tras gañar este domingo a trixésimo novena edición da tradicional regata de primavera organizada polo MRCYB.

Con Luís Bugallo liderando ao equipo, a tripulación de El Pairo completou dúas grandes regatas nas dúas xornadas de competición celebradas este fin de semana nas rías de Vigo e Pontevedra. Se na primeira etapa os de Vigo quedaban co mel nos beizos ao lograr o terceiro posto dos da súa clase, na segunda saíron a sentenciar e lograron levar a vitoria.

el-pairo-8-do-real-club-nautico-de-vigo-novo-campion-do-trofeo-repsol-de-vela
Pairo e Aceites Abril achegándose ao desmarque

Desbancaron do podio da xeral aos seus compañeiros de club do Aceites Abril, que viñan líderes da competición, e que finalmente non lograron levar a casa o gran trofeo pero si un merecido primeiro posto na clase ORC 1. O barco de Luís e Jorge Pérez Canal quedou primeiro na clasificación dos grandes barcos seguido de El Pairo e do Fifty by Storax Innovation do Monte Real Club de Yates, patroneado por Rui Ramada.

Na xeral de ORC 2-3 fíxose co ouro o Bosch Service Solutions. Os do Club Marítimo de Canido, con Ramón Ojea á cabeza, estiveron a piques de gañar na primeira costeira entre Baiona e Sanxenxo, e na segunda, de regreso a Baiona, non deixaron pasar a oportunidade para alzarse vencedores. Deixaron a prata e o bronce do campionato ao Fend a Bise de Jean Claude Sarrade, do Monte Real Club de Yates; e ao Unus do Real Club Náutico de Vigo, liderado por Luís Manuel García.

O acento luso dos podios do Trofeo Repsol púxoo o Margem do Azul III de Frederico Lopes que, lucindo grímpola do Monte Real, asinou dúas vitorias nas dúas regatas disputadas e gañou a xeral de ORC 4. O Fetch de Jorge Lago, do Liceo Marítimo de Bouzas; e o Don Pansa do SC Guimarães, con Alberto Manuel de Sousa á cana, quedaron segundo e terceiro respectivamente.

el-pairo-8-do-real-club-nautico-de-vigo-novo-campion-do-trofeo-repsol-de-vela
Serralleiras gañador clase Fígaro

Na competición dos monotipos J80 asinaron o ouro, a prata e o bronce, o Virazón de Miguel Lago, o Luna Nueva de Juan Luís Tuero e o Namasté de Luís de Mira. E na clase Fígaro, os vencedores foron o Serralleiras de Eva María Moreno, o Silleiro de Juan de Arana, e o Erizana de Santiago Meygide, ouro, prata e bronce respectivamente.

Virazón ganador en J80

Esta última edición do Trofeo Repsol do Monte Real Club de Yates foi, sen dúbida, unha competición moi atractiva para as tripulacións, que puideron demostrar a súa valía en diferentes formas de navegación. Os trazados costeiros de Baiona a Sanxenxo e de Sanxenxo a Baiona da primeira e segunda etapa foron moi similares, pero a forma de afrontalos moi diferente, xa que a primeira xornada desenvolveuse en cinguida e a segunda case ao completo en popa.

el-pairo-8-do-real-club-nautico-de-vigo-novo-campion-do-trofeo-repsol-de-vela
Aceites Abril recollendo o premio de mellor ORC1

A entrega de premios aos gañadores, que marcou o final do trofeo, celebrouse nas instalacións do club baionés, nun acto ao que asistiu a Xefa de Mariña e Pesca de Repsol, Inés González, en representación do patrocinador do evento. Tamén estiveron presentes o alcalde de Baiona, Ángel Rodal; a concelleira de deportes, María Jesús Martíns, e varios directivos do Monte Real.

A próxima cita coas regatas do MRCYB será os días 21 e 22 de maio co Campionato Baitra de Vela Infantil, no que competirán deportistas das clase Optimist dos principais clubs náuticos galegos.

- Publicidade -spot_img