O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores, visitou esta mañá a praza de abastos de Bueu, en compaña do alcalde da localidade, Félix Juncal. Trátase dunha infraestrutura clave para a dinamización do comercio de proximidade local que vai ser modernizada e remodelada polo Concello a través dun investimento de 39.155 dos que a Consellería de Economía e Industria aporta, a través dunha subvención, 27.408 euros, é dicir o 70%.
Destinaranse case 40.000 euros para a adecuación física e a mellora do espazo destinado a mercado tradicional de venta de excedentes da horta
Durante a visita, o responsable territorial e o alcalde, analizaron o estado da praza de abastos en compaña do xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial Santomé, así como pola portavoz do PP da localidade, Berta Pérez.
Economía e Industria vén de resolver apoios por preto de 1,5 millóns de euros para a realización de melloras nas prazas de abastos e mercados tradicionais en 29 concellos da provincia de Pontevedra
Entre as actuacións previstas atópase a adecuación física e a mellora do espazo destinado a mercado tradicional de venta de excedentes da horta. En concreto, crearase un espazo de información e publicidade co obxecto de que os clientes da praza poidan ter información sobre todas as actividades que se van a realizar e a instalación dun equipamento para a mellora do mercadiño de excedentes do campo que se realiza no entorno da praza de abastos.
O impulso ao sector comercial é unha prioridade para a Xunta, que ten en marcha o novo Plan estratéxico de impulso ao Comercio, que destinará 70 millóns ata 2020 a modernizar e incrementar a competitividade do comercio de proximidade galego
Para elo, instalarase un banco-posto de venda realizado en materiais resistentes para exteriores. Tamén se cubrirá esta bancada con pórticos de perfís laminados de aceiro e téxtil impermeable, de dimensións aproximadas de 30×5.
O mercado de abastos mellorou no 2014 grazas a unha axuda anterior da Consellería de Economía e Industria, “e na actualidade, o obxectivo de novo proxecto é afianzar as actividades de dinamización comercial da praza e de mellora da imaxe comercial para converter este mercado nun punto de encontro cultural e social, en torno a unha compra cotiá e sostible de produtos de calidade ligados ao territorio”, explicou Félix Juncal.
Cores Tourís recordou que a Consellería de Economía e Industria, que ten no impulso ao sector comercial un dos seus principais eixos de actuación, vén de conceder apoios por preto de 1,5 millóns de euros para a realización de melloras nas prazas de abastos e mercados tradicionais en 29 concellos da provincia de Pontevedra, mediante un programa específico cofinanciado con fondos Feder.
Os concellos que realicen melloras nas prazas deberán poñer en marcha iniciativas dirixidas ao mentoring comercial para os praceiros, encamiñadas a aumentar a rendibilidade do punto de venda mediante técnicas de visual merchandising, a colocación do produto ou a atención ao cliente. Como novidade este ano, primáronse as iniciativas que inclúen a apertura dos mercados en horario de tarde ou a incorporación de aparcadoiros.
Estes apoios enmárcanse no novo Plan estratéxico de impulso ao Comercio de Galicia, unha folla de ruta que destina 70 millóns de euros ata 2020 a modernizar e incrementar a competitividade do comercio de proximidade galego, con 55 accións específicas articuladas arredor de tres grandes retos: afianzar un sector comercial renovado; impulsar o smart commerce e o comercio electrónico; e potenciar o comercio excelente, traballando na dinamización e a mellora continua.





