As escavacións de Castro Alobre, emprendidas pola Deputación de Pontevedra a comezos de febreiro, comezan a dar os seus primeiros froitos. Así, unha vez removida a cuberta vexetal e a capa húmica comezaron a apreciarse as primeiras estruturas en planta na zona escavada, algunhas delas parte das documentadas, outras totalmente inéditas.
En menos dun mes desde o inicio das escavacións, a Deputación de Pontevedra atopou en Alobre un Acus Crinalis, elemento de tocador de bronce empregado entre os séculos I e IV despois de Cristo
Entre os primeiros achados destaca a presenza do Acus Crinalis, un adorno feminino moi apreciado e frecuente entre as mulleres romanas, que empregaban estes obxectos para confeccionar o seu peiteado entre os séculos IdC e IVdC. En concreto, a peza atopada trátase dun obxecto de bronce de preto de 10 cm de lonxitude en excelente estado de conservación.
A intervención arqueolóxica de Castro de Alobre estenderase ata o mes de xuño
A intervención arqueolóxica que a Deputación de Pontevedra está a desenvolver no Castro de Alobre de Vilagarcía de Arousa, que se estenderá ata xuño, está enmarcada no protocolo asinado entre a Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Fomento para a posta en valor de 18 xacementos galaico-romanos da provincia de Pontevedra.
En concreto, as tarefas que se están a realizar en Alobre teñen por obxectivo o acondicionamento do sector visible e o seu contorno inmediato así como actuacións encamiñadas a evitar alteracións das estruturas; a consolidación e restauración dos restos exhumados; a recreación de elementos singulares; a instalación de elementos adecuados para facilitar a circulación do visitante polo xacemento, impulsando a accesibilidade; a instalación de elementos explicativos que contribúan a explicar o xacemento e a iluminación da área de intervención.
A través da escavación, se prevé a aparición de estruturas e materiais arqueolóxicos que permitirán afondar no coñecemento do xacemento do Castro de Alobre. Neste contexto, preténdese aportar datos para o mellor coñecemento das relacións comerciais da fase final da cultura castrexa no seu tránsito de cara a outras formas de ocupación do territorio nas Rías Baixas, así como comprender como a proximidade do medio marítimo e a pesca era a base da súa economía e subsistencia.
O achado do Acus Crinalis en Castro de Alobre, aínda que é pronto para emitir conclusións sobre o xacemento, indica unha destacada romanización en Vilagarcía de Arousa.




