A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou hoxe a entrega de máis de 43.000 pezas de restos arqueolóxicos procedentes da escavacións do Barrio de Mergelina ao Museo Arqueolóxico do Santa Trega (MASAT).
En total son 175 caixas que conteñen os 43.832 fragmentos atopados nas escavacións de máis de 2.500 metros cadrados no Barrio Mergelina, dentro del Castro de Santa Trega. Segundo subliñou a Presidenta da Deputación, nas escavacións amais das máis de corenta mil pezas de cerámica, metais e líticos descubríronse nesta zona 43 estruturas arquitectónicas que compoñen 11 unidades familiares que permitiron datar a ocupación do castro dende o século cuarto Antes de Cristo, cando ate de agora falabamos dos séculos un Antes de Cristo ou o século primeiro Despois de Cristo.
Carmela Silva subliña que a institución provincial está a concluír o proceso administrativo para adxudicar a consolidación e restauración das estruturas arquitectónicas atopadas
Os traballos de escavación realizáronse entre os meses de setembro de 2015 ate marzo de 2016 e, dende ese momento, as labores feitas no Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico (CXCA), situado no Pazo Liñares en Lalín, permitiron a identificación, o lavado, restauración e inventariado dos 43.832 fragmentos.
En total foron 221 pezas as debuxadas, 442 fotografadas, dez metais tratados e reconstruíronse seis ánforas das cales dúas están case que completas. Amais, nos últimos meses, traballouse na preparación e embalaxe dos materiais para o seu traslado ao MASAT.
Por último, Carmela Silva tamén anunciou que a Deputación está a concluír o proceso administrativo para adxudicar os traballos de restauración e consolidación das 43 estruturas das vivendas e dos muros para evitar o seu deterioro. A Presidenta subliñou que este proceso pode concluír en pouco máis dun mes e medio.



