Inicio Pontevedra A Deputación de Pontevedra edita unha unidade didáctica sobre a camelia destinada...

A Deputación de Pontevedra edita unha unidade didáctica sobre a camelia destinada aos centros de primaria

deputacion-pontevedra-edita-unha-unidade-didactica-camelia-destinada-aos-centros-primaria

A deputada delegada da Estación Fitopatolóxica Areeiro (EFA), Eva Vilaverde, foi a encargada de presentar esta mañá a primeira unidade didáctica sobre a camelia.

Este recurso educativo está editado pola Deputación e terá como destino todos os centros educativos de primaria da provincia, toda vez que foi incluída no programa educativo da Consellería de Educación. “Sempre insistimos na necesidade de dar a coñecer o carácter poliédrico da camelia, poñendo en valor as súas posibilidades produtivas e económicas, e nesta unidade didáctica ensinamos a camelia como un cultivo, e non só como unha flor” asegurou a deputada durante a súa intervención. Eva Vilaverde estivo acompañada polo xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, polo director do CEIP de Campolongo, Manuel Sánchez, polos integrantes de Polo Correo do Vento, Carlos Taboada e Enrique Mauricio, e polas técnicas da EFA, Carmen Salinero e Pilar Vela.

A deputada delegada da EFA salienta a necesidade de “dar a coñecer a camelia como cultivo, e non só como unha flor” e a posta en valor de todos os seus usos produtivos e económicos

Eva Vilaverde asegurou que “se queremos realmente poñer en valor a camelia debemos ensinarlla primeiro ás nenas e aos nenos de maneira amable e a través dun recurso coidado, digno, e que fale o seu idioma”. Neste sentido a unidade didáctica inclúe diferentes apartados con información xeral e fichas específicas para profesorado, cun CD que inclúe fotos individuais de cada unha das camelias e carteis e exercicios para imprimir, un apartado cun mapa dos lugares da provincia onde se poden ver e atopar camelias, para que cada centro educativo poida ter lugares próximos de referencia, e unha serie de fichas con exercicios para o alumnado baseadas no conto infantil A fada das camelias, así como o propio conto en tres idiomas: galego, español e inglés. A deputada tamén aproveitou para agradecerlle ao xefe territorial de Educación “a súa receptividade cara a este tipo de recursos”, ao ser incluído no programa educativo dos centros. Pola súa banda, César Pérez Ares felicitou tanto á Deputación como ao CEIP de Campolongo polo traballo realizado e asegurou que “Pontevedra e a camelia sempre estiveron intimamente relacionadas, ata o punto de que Pontevedra é a capital da camelia tanto en Galiza como no resto do Estado, e é xa unha simboloxía na nosa provincia”. Pérez Ares insistiu en agradecer a iniciativa “para poñer en valor a camelia, e para levala aos centros educativos”.

Intención de continuidade

Eva Vilaverde fixo especial fincapé en que este recurso educativo “nace dun traballo colectivo para adaptar os contidos ás necesidades curriculares e pedagóxicas esixidas”. Os contidos, que parten de recursos que xa existían na EFA e que se utilizaban cando se recibían visitas escolares nas instalacións de Areeiro, foron completados e adaptados segundo as premisas curriculares necesarias grazas á colaboración de Manuel Sánchez, director do CEIP de Campolongo, e de Óscar Abilleira, que foi o responsable do programa informático utilizado. Eva Vilaverde agradeceu a Manuel Sánchez o seu esforzo persoal para trasladar á unidade didáctica “todo o traballo que, sobre a camelia, se fai no seu centro educativo ao longo do curso, porque esa experiencia foi o exemplo práctico de que esta unidade didáctica era posible”.

Manuel Sánchez explicou que a unidade didáctica se estrutura en diferentes partes, sendo a primeira unha introdución científica “que vai máis aló do esixido en primaria porque temos intención de continuidade, e de que nos sirva de base para ir ampliando sucesivamente aos seguintes cursos de primaria e, se se pode, tamén a secundaria”. Continúa cun apartado con bibliografía e carteis de apoio, e coas fichas didácticas que inclúen o que Manuel Sánchez denominou “pinceladas para que calquera docente de Galiza ou do Estado as poida adaptar ao seu alumnado”. Despois das fichas orientadas a profesorado, inclúense as fichas con exercicios para alumnado e o conto infantil “A fada das camelias” con autoría de Polo Correo do Vento. Este conto está incluído na súa versión orixinal en galego, e tamén coas traducións a español e inglés, en consonancia coa realidade curricular actual.

Os autores do conto infantil, o ilustrador Carlos Taboada e o escritor Enrique Mauricio, aseguraron estar moi satisfeitos “co tratamento das ilustracións e dos exercicios” que se inclúen, e destacaron a “transversalidade” no tratamento da información recollida “que vai desde a flor ata os diferentes tipos de produtos como o aceite e o té”. Taboada e Mauricio tamén quixeron poñer en valor “todo o traballo que se fai desde a EFA a prol da camelia e sobre todo orientado ao público infantil, que é o máis idóneo para recoller toda esta paixón”.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

Publicidade

+ VISTOS

Publicidade
Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies