spot_img
InicioPontevedra e ÁreaA Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo poñen en marcha...

A Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo poñen en marcha o segundo módulo do curso de Formación en Igualdade

deputacion-pontevedra-e-universidade-vigo-ponen-marchaA Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo poñen en marcha este xoves 1 de febreiro o segundo módulo do curso de Formación en Igualdade para persoal docente, persoal educativo e alumnado da Universidade.

Esta acción formativa, subvencionada pola institución provincial a través da Escola de Igualdade María Vinyals, enmarcada no servizo de Igualdade da Deputación, será impartida por profesionais do centro universitario vigués.

O curso de Formación en Igualdade, de 100 horas, é eminentemente práctico e consta de dous módulos. O primeiro deles impartiuse durante os meses de outubro, novembro e decembro e os 30 alumnos e alumnas que participaron puideron acadar unha certificación de nivel I expedida pola Universidade de Vigo. Durante estes meses o alumnado recibiu formación sobre desigualdade de xénero, analizando datos educativos, laborais, familiares, históricos, literarios e científicos, así como barreiras, prexuízos e mitos; sobre xénero e sexo, deténdose nos estereotipos, nos mitos e nas barreiras existentes; sobre a socialización, tanto dende o punto de vista dos procesos como da escola mixta e coeducativa; e tamén se abordou o emprego da linguaxe inclusiva non sexista.

O segundo módulo, que comeza este xoves 1 de febreiro e rematará no mes de marzo, servirá para que as persoas que remataron o primeiro módulo poidan obter un certificado de nivel II expedido pola Universidade de Vigo. Neste caso, os contidos do módulo farán mención á transmisión de estereotipos no sistema educativo, deténdose na análise da linguaxe, dos espazos e agrupamentos, dos materiais didácticos, das quendas de palabra, das tarefas e actividades así como do currículo educativo e dos cargos. Tamén se abordarán cuestións relativas á lexislación actual en materia de igualdade, á violencia de xénero e á avaliación e identificación de elementos sexistas no sistema educativo, analizando accións positivas.

Todas as clases deste segundo módulo do curso terán lugar na aula 9 da Escola de Enxeñaría Forestal do Campus Universitario de Pontevedra, e impartiranse os luns e xoves de 17.30 a 20.30 horas.

 

- Publicidade -spot_img