
David Bustamante recolleu “con orgullo” o Premio Vilas Mariñeiras que anualmente concede este colectivo que integran seis municipios da costa norte española.
O galardón recoñece o labor de apoio e difusión que o popular cantante, natural ademais dunha destas vilas, a cántabra de San Vicente de la Barquera, realiza ao longo do ano en cada evento de que forma parte. O acto contou coa presenza do alcalde de Baiona, Ángel Rodal e dos outros cinco municipios que conforman a asociación.
Bustamante recibiu o premio na caseta de Cantabria da Feira Internacional de Turismo de Madrid FITUR, e asegurou que “galegos, cántabros e asturianos son primos irmáns”, aludindo así á diferente localización xeográfica, nestas tres comunidades autónomas, das seis Vilas Mariñeiras. O cantante tamén explicou que coñece as seis localidades que conforman ese selecto club, e que, ademais do seu municipio natal conforman Baiona en Galicia, Ribadesella e Llanes en Asturias, e Santoña e Laredo en Cantabria.
Vilas Mariñeiras transmite o valor mariñeiro e a paixón por un territorio unido polo mar e por unha historia e unha cultura que agora se poñen en valor a través de 60 experiencias, que teñen temáticas tan atractivas, como sinalaba o presidente da asociación e alcalde de Baiona, Ángel Rodal, como as visitas de faro en faro ou o Camiño de Santiago.
Estas experiencias están pensadas e deseñadas tamén para que os visitantes poidan coñecer dunha forma atractiva as tradicións, a historia e a cultura mariñeira de diversas formas para todo tipo de públicos; especialmente para familias, parellas e grupos de amigos. Vilas Mariñeiras é unha forma diferente e única de vivir. A creación de experiencias vinculadas á cultura do mar e a elaboración dun estudo de mercado potencial, desenvólvese no marco de execución do Plan Estratéxico da Asociación de Vilas Mariñeiras.
ASAMBLEA ORDINARIA Unha vez finaliza a presentación, levouse a cabo a Asemblea Ordinaria da Asociación de Vilas Mariñeiras na que participaron os/as representantes institucionais dos concellos de Baiona, Ribadesella, Llanes, San Vicente de la Barquera, Laredo e Santoña. Na reunión, entre outros asuntos, fíxose balance do ano 2018 valorando os positivos resultados das accións desenvoltas desde a nova xerencia e concretouse o plan de traballo 2019 reflectido no Plan Estratéxico, en estado de execución. Así mesmo, iniciouse tanto a planificación do próximo DÍA DE VILAS que no ano 2019 celebrarase en San Vicente de la Barquera.
Baiona tamén estivo presente en Fitur da man do seu alcalde, Ángel Rodal, na presentación que realizou a Consellería de Cultura e Turismo de Galicia na súa caseta, sobre os centros históricos de Galicia, xa que o desta vila pontevedresa é un dos mellor conservados de toda a provincia de, onde son seis os centros históricos que posúen a declaración de “Conxunto Histórico Artístico”.
Rodal tamén asistiu á reunión do Xeodestino Ría de Vigo- Baixo Miño, na que participaron os rexedores dos municipios que forman esta rede, o equipo técnico do GDR Mos e Eosa Consultores, empresa encargada de redactar o plan estratéxico do citado destino turístico, que se encargou de presentar as liñas de traballo do mencionado plan.



