Tal día como o de hoxe de hai 10 anos, saía á rúa a primeira edición da nosa revista COUSAS DE e o primeiro que queremos facer é dar as grazas a todas as persoas que facedes posible, co voso respaldo e agarimo ao proxecto, esta aventura independente que se vai construíndo soño a soño, revista a revista.
Nacemos nun momento no que os medios de comunicación vivían (aínda hoxe) tempos difíciles. Pero todo cambiou cando decidimos comezar a editar a nosa revista cunha cobertura comarcal … ,no Val Miñor. Pasaron anos, que nos deixaron moitas historias que contar, moitos obstáculos superados e tamén un soño cumprido, o dun proxecto que se consolida e un medio de comunicación que se afirma na súa credibilidade e calidade, algo que conseguimos grazas a todas as persoas que ao longo destes sete anos, colaboraron achegando a súa experiencia e coñecementos. Sempre cunha idea clara do que queriamos contar, a publicación que facemos chegar ao lector é un produto que foi “mimado” e coidado en todos os seus detalles .
En COUSAS DE temos como obxetivo achegar ao lector a través das nosas páxinas e dunha maneira moi coidada, todo o que de extraordinario temos preto de nós e descrito por aqueles que mellor o coñecen, poñendo especial atención no Patrimonio Natural e Cultural, no Medio Ambiente e nun aspecto importantísimo na nosa sociedade, as asociacións solidarias e aquelas accións organizadas con este fin, onde cada día centos e centos de persoas dedican unha parte moi importante da súa vida para que aquelas persoas que o necesitan, teñan unha vida mellor.
CELEBRACIÓN Neste tempo de confinamento imprescindible, non podemos celebralo xuntos, como tiñamos previsto. Ainda así, desde COUSAS DE queremos facerche compañía estes días, publicando contidos, que esperamos sexan do voso interese, en Twitter, Facebook ou LinkedIn e tamén na nosa WEB.
Serán reportaxes de edicións anteriores e tamén anticiparemos algúns das reportaxes que incluímos no número de primavera (que teredes nas vosas mans en canto levántese a alerta)
Queremos darvos as grazas por estar aí sempre. Por continuar confiando no noso medio, mesmo nestes días tan difíciles. Estamos a desexar volver vervos e compartir convosco un novo número da nosa revista. Mentres ese día chega, cuídaros moito e #QuedarNaCasa!!



