spot_img
InicioO SalnésArousaCultura no Camiño inicia na Illa de Arousa a súa carteleira

Cultura no Camiño inicia na Illa de Arousa a súa carteleira

cultura_no_camino_nova-pequena_1A Illa de Arousa acolle o arranque da terceira edición do programa Cultura no Camiño, que na provincia de Pontevedra conta coa participación de 23 concellos para o desenvolvemento ata finais de setembro dun total de 75 actuacións de música e artes escénicas de produción galega.

En concreto, a carteleira pontevedresa bota a andar hoxe co espectáculo de maxia ‘Trío de ases’ no Complexo Sociocultural da Illa, o mesmo escenario que o venres recibirá a compañía Os Monicreques de Kukas coa súa proposta para público infantil ‘Xan Perillán e a maleta máxica’.

O ciclo, que se enmarca na programación cultural conmemorativa do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela, está promovido pola Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e Turismo de Galicia, co patrocinio de Gadis. Na súa materialización implícanse, así mesmo, un total de 93 municipios de toda Galicia.

No caso de Pontevedra, ademais da Illa de Arousa, participan nesta iniciativa os concellos da Guarda, Baiona, Caldas de Reis, Cambados, Catoira, Meaño, Mos, Nigrán, O Grove, O Porriño, O Rosal, Pontecesures, Pontevedra, Portas, Redondela, Ribadumia, Rodeiro, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tui e Vilanova de Arousa. Todos eles sitúanse nalgunha das rutas de peregrinación xacobea que percorren a provincia: Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla, camiños Portugués e Portugués-Costa, Vía da Prata e Camiño de Inverno.

Público infantil
O público infantil será un dos grandes protagonistas da programación que ofrecerán estes municipios ao abeiro de Cultura no Camiño, de xeito que 28 das actuacións de teatro e música previstas están especialmente dirixidas aos espectadores máis novos. Así, esta iniciativa achegaralles os últimos espectáculos de grupos como Mamá Cabra ou Cé Orquestra Pantasma, e de compañías como Bantoches Baj, Ghazafelhos, La Guaga, Migallas Teatro e Os Quinquilláns, entre outras.

A oferta esténdese tamén ao resto dos públicos a través de propostas que abranguen moi diferentes estilos, tanto musicais, como escénicos. Así, na carteleira de música figuran as actuacións de Xoel López e de Guadi Galego en Cambados, Talabarte en Sanxenxo, Odaiko no Rosal e O Porriño, Leilía en Baiona ou Germán Díaz en Redondela, mencionando só algunhas dos 25 concertos previstos na provincia.

En canto ás artes escénicas, ademais de 24 funcións de teatro infantil, Cultura no Camiño programará outras 10 representacións de maxia, sete de novo circo e nove de teatro, como as de Carlos Blanco en Silleda, Mofa e Befa en Pontecesures, Ibupofreno Teatro en Caldas de Reis ou Os Sete Magníficos + 1 en Rodeiro.

- Publicidade -spot_img