As pontes históricas son infraestruturas dun gran valor patrimonial e histórico que forman parte indisociable da paisaxe galega
Á vez, teñen unha compoñente viaria, que apontoa aínda máis a súa necesaria e indiscutible conservación. Rozar as marxes, limpalas doutros elementos engadidos como o formigón ou acondicionar as pedras e asentalas son algunhas das tarefas para lles garantir aínda unha longa vida de paso entre marxe e marxe.
Por iso, ao longo de 2015 a Xunta de Galicia acometerá obras de restauración e mellora por valor de 334.000 euros en cinco pontes históricas na provincia de Ourense e Lugo, que sofren danos provocados por afundimentos, desprendementos, fendas ou invasión da natureza da contorna, entre outras orixes.
En concreto, as actuacións de consolidación levaranse a cabo na ponte de Couso (Avión), na de Éntoma (Barco de Valdeorras), na da Portela (Vilamartín de Valdeorras), na de Fillaboa (Salvaterra de Miño) e na do Demo (Vila de Cruces-Silleda).
Nos últimos anos, a Xunta de Galicia veu realizando intervencións de restauración e conservación en diversas pontes históricas de diversas localidades de Galicia, como a ponte de Pontedona (Coristanco), a ponte de Traba (Noia), a ponte Marzá (Curtis), a de Pontaleiras (As Neves), a ponte Taboada (Lalín) e a ponte Vea (Teo).
Deste xeito, a Consellería, a través da Dirección Xeral de Patrimonio, iniciará o proceso para a salvagarda e conservación da ponte de Couso (Avión), da ponte Éntoma e o seu contorno (Barco de Valdeorras), da ponte da Portela (Vilamartín de Valdeorras), na ponte de Fillaboa (Salvaterra de Miño), e na ponte do Demo (Vila de Cruces – Silleda). Todas estas intervencións enmárcase dentro das actuacións sobre o patrimonio cultural que forma parte da obra civil de Galicia previsto para o vindeiro 2015.
Provincia de Ourense
Na provincia de Ourense, o departamento de Cultura acometerá obras de reparación e consolidación en tres pontes. Trátase da ponte de Couso (Avión) onde o departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad ten previsto restaurar e recuperar a infraestrutura co obxecto de que non se perda a súa funcionalidade. A esta intervención de reparación e consolidación destina un investimento total de 79.225 euros. En concreto están previstas actuacións de reforzo na fábrica que aínda está en pé. Ademais a parte derrubada repoñerase con materiais orixinais recuperados do leito do río.
Pola súa banda, acometerase a restauración da ponte de Éntoma, no Barco de Valdeorras, que se dotará cun investimento duns 72.400 euros. As obras inclúen a roza das marxes e clareo de árbores de ribeira que danan a fábrica da ponte; a limpeza de vexetación, retacado, ripiado e rexuntado con morteiro de cal hidráulica da cachotaría, a demolición de pavimentos de formigón existentes, a execución de novo pavimento da calzada de esquisto de catou ou chapacuña sobre base de formigón de reparto de cargas; e a execución de novos peitorís en mampostería de lousa.
En Vilamartín de Valdeorras a Consellería procederá a rehabilitar a ponte da Portela, á que se destinarán 20.300 euros. O obxecto destas obras é repoñer as partes desaparecidas da ponte que poden afectar á súa seguridade de uso, mellorar as condicións de acceso viario, roza, limpeza, desmonte, rasanteo e perfilado do terreo afectado. Tamén se construirá unha protección para o estribo cun muro de escolleira; eliminación de vexetación e brións nas xuntas da pedra; reconstrución dos peitorís e formación da capa de rodadura final. Neste caso o Concello encargouse da redacción do proxecto destas.
Provincia de Pontevedra
En Pontevedra acometeranse obras na ponte de Fillaboa (Salvaterra de Miño) e na Ponte do Demo (nos concellos de Vila de Cruces e de Silleda).
Na ponte de Fillaboa, no concello de Salvaterra, a Consellería investirá en torno aos 117.000 euros en obras de consolidación e restauración. Para iso, como se recolle no proxecto elaborado para tal fin, procederase a consolidar e recalzar a cimentación da pila número 2. A actuación inclúe tamén a reparación do tallamar desta pila, así como asegurar a estabilidade da bóveda número 2 mediante un tirante.
Por último, na ponte do Demo, en Carboeiro, nos concellos de Silleda e Vila de Cruces, a Consellería investirá case 55.000 euros co obxectivo fundamental de repoñer as partes desaparecidas da ponte que poden afectar a súa estabilidade. A estes efectos encargouse un proxecto de restauración do tímpano e muro de encanamento da ponte. A actuación a desenvolver pasa por repoñer os elementos de fábrica perdidos, construíndoos de xeito máis sólido. A tipoloxía da nova fábrica a empregar será similar á orixinal da ponte, aínda que se diferenciará pola cor, textura e aparello perseguindo a integración estética.
Todos estes traballos reforzan a aposta da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria por manter o patrimonio histórico de Galicia, como é o caso destas pontes que agora serán obxecto dunha intervención específica. De feito, a contía total que a Consellería destinará á promoción e conservación do patrimonio cultural de Galicia, está previsto que supere os 18 millóns de euros logo de reprogramarse os fondos FEDER do programa operativo 07-13 e a súa incorporación ao exercicio 2015






