spot_img
InicioCondado ParadantaCovelo solicita a Patrimonio a catalogación do conxunto etnográfico da Poza do...

Covelo solicita a Patrimonio a catalogación do conxunto etnográfico da Poza do Piñeiro como Lugar de Valor Etnolóxico

covelo-solicita-a-patrimonio-a-catalogacion-do-conxunto-etnografico-da-poza-do-pineiro-como-lugar-de-valor-etnoloxicoO Concello de Covelo solicita á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia a catalogación do conxunto formado pola Poza do Piñeiro, a Cruz da Porteliña e a Choza da Poza como Lugar de Valor Etnolóxico.

Revista Cousas De Nº20

Construída en 1851, está formada por unha notable infraestrutura hidráulica, unha cruz baixa e un choza granítica de pastores e pertence á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Piñeiro.

O Concello propón a inclusión do conxunto etnográfico da Poza do Piñeiro no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia apelando á Lei 5/2006 do 30 de xuño que fai referencia á protección do patrimonio etnográfico e histórico-cultural relacionado e ao art. 26 da Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia.

Ubicada no barrio de Piñeiro da Igrexa, nun pequeno val fluvial de media montaña situado no suroeste da Serra do Suído, a Poza de Piñeiro é hoxe un atractivo turístico para as persoas que gustan do deporte de montaña e dun entorno natural con vistas privilexiadas. Ciclistas, corredores e sendeiristas chegan ata a Poza de Piñeiro para observar a fauna e a flora, escoitala e atopar un lugar alonxado do ruído.

Situado na ladeira suroeste da Serra do Suído, esta poza ou laga construíuse na segunda metade do século XIX sobre o Río do Piñeiro para favorecer o regadío das terras de labor da veciñanza das parroquias do Piñeiro e Barcia de Mera. A primeira instantánea que documenta a súa existencia é a do Voo Americano, realizado nos anos 1956-57. Na segunda metade do século XX engadiuse a represa de granito orixinal.

O seu titular, a Comunidade de Montes da parroquia do Piñeiro, conserva documentación histórica que data de 1851 que acredita o regadío das parroquias do Piñeiro e Barcia de Mera, así como dos correspondentes libros de regantes e repartos de auga de ambas freguesías.

A Cruz da Porteliña

Coñecida tamén co nome de Cruz do Pozo Vello, Cruz do Pozo do Sesteiro ou Cruz da Chan da Laxe, érguese a 820 m de altura sobre un afloramento granítico natural e forma parte do traballo de catalogación de cruces, cruceiros e petos de ánimas de Fernández de la Cigoña Núñez e Sampedro Fernández (2010:90).

A Choza da Poza

A 181 m do Poza do Piñeiro localízase esta construción etnográfica de planta rectangular que presenta unha notable alteración tipolóxica. A choza, construída en cachotaría granítica irregular (opus incertum), ten planta rectangular terrea e cuberta pétrea.

En palabras de Ballesteros Arias (2004:18) trátase dun “habitáculo de pequenas dimensións caracterizado pola súa adaptación ó medio e ás necesidades da explotación gandeira, así como distintas estruturas de diversa índole que evidencian un pasado de intensa actividade na serra”.

Un antigo refuxio de pastores que, “polas súas características construtivas, son elementos singulares da Serra do Suído” que “son parte integrante da economía campesina, aínda que só fose para desprazamentos temporais en determinadas épocas do ano, é dicir, refuxios temporais que so tiñan ocupación continuada durante os períodos estivais. No caso concreto do Suído estes chozos son de propiedade comunal, de xeito que, como norma xeral, cada aldea tiña o seu chozo” (op. cit).

- Publicidade -spot_img