
Reparados os danos causados polos fortes temporais do inverno no paseo litoral de Camposancos na Guarda, a Senda Litoral presenta un novo aspecto.
As obras tiveron un investimento de 65.000 euros e finalizaron a principios deste mes de xuño. A subdelegada do Goberno destacou a importancia desta reparación, xa que “é un paseo moi transitado e que pon en valor a paisaxe da Guarda, nesta zona na que conflúen o mar e a montaña”.
Este paseo que une o núcleo urbano da Guarda coa praia de Camposancos foi construído no ano 2010, cun orzamento de algo máis de 2,1 millóns de euros. Son 3.600 metros nos que se recuperou o tránsito en grandes tramos de costa que eran inaccesibles.
Neste lugar realizouse un paseo cunha sección composta por unha beirarrúa de 4,5 metros de anchura, unha calzada de dobre dirección de circulación con firme flexible e un carril peonil de 3,50 metros de ancho. Esta tipoloxía mantense ata a rotonda, situada aproximadamente a 350 metros. Desde este punto e ao longo de 813 metros desaparece a beirarrúa, manténdose a calzada cunha soa dirección de circulación, carril bici e o carril peonil de dous metros de ancho.
Ao final deste primeiro tramo construíuse un illote de regulación do tráfico e a partir dela a sección do paseo está formada por un carril para bicis e un viario para peóns de 2,50 metros. A continuación e durante os seguintes 1.800 metros o paseo peonil transfórmase nunha pasarela de uso exclusivamente para camiñantes de 2,50 metros de anchura.



