O selo porase en circulación o día 21 de abril en todo o territorio nacional, xa que é un selo oficial emitido por Correos, cun valor postal de cada selo: 2,70€
Na inauguración da exposición filatélica XXV EXFIMIÑO 2021 dedicada a Eliseo Alonso Rodríguez o 27 de novembro do pasado ano, a Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa xa anticipou a noticia da concesión por parte de Correos, dun selo dedicado ao Monte Santa Trega.
O Grupo Filatélico Guardés, así chamado nos seus comezos, era unha sección da Sociedade Pro-Monte Santa Tecla. O Grupo filatélico seguía as mesmas inquietudes que a Sociedade Pro-Monte, que era fomentar e promocionar o noso pobo da Guarda e do Monte Santa Trega. Por iso, na acta do 4 de abril de 1965, aparece reflectida que: solicitaron á Comisión 4ª do Consello Postal un selo con algún motivo do Baixo Miño ou do seu famoso Santa Tecla. Nesta ocasión non tiveron fortuna.
38 anos despois, en 2003, unha nova Xunta Directiva, xa como Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa, vólveo a tentar. O directivo Antón Ferreira elabora un completo e fabuloso dossier sobre o Monte Santa Trega onde inclúe un bosquexo do que podería ser o selo. Pero tampouco houbo sorte.
Nesta nova Xunta Directiva, un dos seus proxectos, era conseguir o prezado selo que vén perseguindo desde hai xa 57 anos, e por fin conseguiuno.
Despois de recibir a carta de aceptación, enviáronselle varias imaxes do que a Xunta Directiva quería que se mostrase na imaxe do selo. Finalmente, o equipo de maquetación de Correos, elixiron unha fotografía que realizou a nosa secretaria, Marta Verde, en 2020 con motivo do cuño postal turístico.
CARACTERÍSTICAS DO SELO:
Procedemento de impresión: Offset
Papel: Autoadhesivo fosforescente
Tamaño do selo: 74,6 x 28,8 mm
Efectos en prego: Prego de 15 selos
Valor postal de cada selo: 2,70€
Tirada: 135000 selos



