spot_img
InicioGaliciaConde: “Rozas convértese no núcleo, no corazón do proxecto aeronáutico para Galicia”

Conde: “Rozas convértese no núcleo, no corazón do proxecto aeronáutico para Galicia”

Conde-Rozas-convértese-núcleo-corazón-proxecto-aeronáutico-Galicia

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe o impacto que o Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas (CIAR), como núcleo do polo tecnolóxico e industrial de avións non tripulados, terá na economía e o emprego de Lugo. Conde acompañou hoxe nunha visita ás instalacións de Rozas ás empresas que están a participar no Workshop Civil UAVs Initiative, no que están tomando parte compañías de todo o mundo interesadas nesta iniciativa e entre as que se atopan multinacionais como Airbus, Boeing, Agusta Westland, Elbit Systems ou Inaer.

O conselleiro de Economía e Industria acompaña nunha visita ás instalacións das empresas que están a participar no Workshop Civil UAVs Initiative, entre as que se atopan multinacionais como Airbus, Boeing, Agusta Westland, Elbit Systems ou Inaer

Neste proxecto investiremos 55 millóns entre as dúas administracións, a galega e a central”, sinalou Conde, que explicou que aos 45 millóns destinados á contratación dun ou varios socios industriais, así como a compra de tecnoloxía, cabe engadirlle os 10 millóns que INTA e Xunta están a investir no equipamento do CIAR.

Resalta que o esforzo público no proxecto suma máis de 55 millóns de euros, dos que máis de 10 se están a investir no Centro de Investigación Aerotransportada

“Rozas convértese no núcleo, no corazón do proxecto aeronáutico para Galicia”, salientou o conselleiro, quen destacou que este era o lugar que reunía todas as características que necesita un polo desta dimensión. “En Rozas lévase moitos anos traballando por parte do Inta, desenvolvendo proxectos innovadores e tecnolóxicos; hai un coñecemento de todo o que significa investigación en aeronáutica”, subliñou Conde. Ademais, proseguiu, o proxecto supón “unha oportunidade para Rozas, para a provincia de Lugo, para que o interior de Galicia participe no proxecto de reindustrialización da nosa industria e na actualización do noso modelo produtivo”.

Subliña que a iniciativa permitirá impulsar o emprego directo e indirecto no eido do parque tecnolóxico que se constituirá arredor do aeródromo

O obxectivo, salientou o titular de Economía e Industria, é que o CIAR sexa epicentro da mellora de servizos públicos estratéxicos para Galicia grazas ao uso de avións non tripulados, cun impacto socioeconómico moi importante para Rozas e a súa bisbarra, impulsando a creación de emprego directo e indirecto nos eidos tecnolóxico e industrial, tanto polo traballo dos socios industriais como pola colaboración con empresas galegas que eles poñan en marcha.

Defende as condicións idóneas de Rozas para servir de eixo para a iniciativa, pola súas capacidades como campo de probas, a súa tradición como enclave da investigación aeronáutica, e polo compromiso da Xunta coa creación de oportunidades nas provincias do interior

Neste sentido, apuntou o titular de Economía e Industria, supón unha oportunidade de que a bisbarra se converta no núcleo dun polo tecnolóxico ao redor dunha actividade con excelentes perspectivas de futuro. Non en van, o mercado dos avións non tripulados é o de maior proxección de futuro de todo o sector da aeronáutica a nivel mundial, cun volume de negocio previsto de 67.000 millóns de euros no próximo decenio.

“Trátase dun proxecto vertebrador desde o punto de vista industrial que queremos desenvolver na provincia de Lugo, e que terá impacto no resto de Galicia, tanto pola capacidade industrial que xa temos instalada nas provincias de Ourense e de Vigo, como pola participación das nosas universidades e centros tecnolóxicos”, apuntou Conde. Deste xeito, concluíu, a elección do aeródromo de Rozas se suma ao compromiso da Xunta coa creación de oportunidades para que as provincias do interior participen no cambio de modelo produtivo que precisa Galicia.

- Publicidade -spot_img