Inicio Galicia Conde anuncia a inminente posta en marcha do Centro de Investigación Aerotransportada...

Conde anuncia a inminente posta en marcha do Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas

Conde anuncia a inminente posta en marcha do Centro de Investigación Aerotransportada de RozasO conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, anunciou hoxe que a Xunta e o INTA crearán nas próximas semanas o Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas (CIAR), un centro mixto compartido ao 50% entre ambas institucións, para o que achegarán 1,2 millóns de euros para financiar o seu funcionamento, que se sumarán aos 10 millóns de investimento en infraestruturas e equipamento. “Será o eixo vertebrador dos diferentes proxectos que se desenvolverán aquí no ámbito dos avións non tripulados”, sinalou Conde.

A firma do convenio que porá en marcha este centro dinamizará o resto de investimentos asociados ao proxecto, que inclúen a optimización da torre de control, a construción dun novo hangar e a dotación de sistemas de apoio e telecomunicacións. De feito, o INTA vén de poñer en marcha as primeiras 4 licitacións de obras de infraestrutura de Rozas, por valor de 800.000 euros, abrindo a porta ás empresas galegas a participar no proxecto.

A estas licitacións, sinalou Conde, seguirán outras de cara ao equipamento do centro, a través de mecanismos de compra pública innovadora “que será unha oportunidade para as nosas universidades e centros tecnolóxicos de participar no desenvolvemento e mellora” dos elementos tecnolóxicos clave do CIAR.

En total todo ese investimento suporá a creación de ata 50 postos de traballo de alta cualificación, impulsando a Lugo como un “polo aeronáutico” grazas ao esforzo conxunto da Xunta, o Ministerio de Defensa a través do INTA, e o Ministerio de Economía e Competitividade.

Conde resaltou a dimensión internacional que aspira a acadar o proxecto, a través do impulso dos fondos da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) e do Horizonte 2020. Para optar aos 80.000 millóns de euros desta última ferramenta de financiamento innovador, o centro se crea coa vista posta en integralo na rede de centros Foro Estratéxico Europeo de Infraestruturas de Investigación (ESFRI).

O conselleiro subliñou que esta colaboración entre Xunta e INTA arranca con dous obxectivos claros: atraer multinacionais do sector aeronáutico e aeroespacial; e exercer tracción sobre o I+D+i de empresas e centros galegos, mediante licitacións nas que participen pemes galegas, o traballo desas multinacionais -que poden formar consorcios de innovación coas pemes da comunidade-, e a transferencia do coñecemento derivada do propio labor de investigación do INTA, sempre “con unha vocación moi clara: a transferencia de coñecemento”.

Conde resaltou que, desta maneira, “poñemos en marcha o centro que está chamado a ser un centro de referencia no deseño e desenvolvemento” de proxectos de aviación non tripulada que, indicou terán un impacto clave sobre o eido da xestión do territorio, con especial incidencia en Galicia. Neste senso, referiuse ao potencial dos avións non tripulados en ámbitos como a prevención de incendios e a vixilancia das rías fronte aos furtivos.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

Publicidade

+ VISTOS

Publicidade
Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies