Unha nova proposta de narración oral chega ao Lareta, o festival de monólogos de Redondela. O poeta e contador Celso Fdez. Sanmartín presentaranos o monólogo MANTERSE A CONTOS.
Este autor lalinense, que ten publicado diversos libros de poesía, e cunha formación humanística e sobre cultura e tradición oral moi extensa, aliméntase precisamente diso, das historias que a xente de máis idade lle foi contando durante a súa vida. O pouso desa oralidade recibe, da súa man, un verniz de actualidade que fai das súas historias algo próximo, vivo e divertido.
Como el mesmo se presenta, “o meu fardo ou repertorio está composto basicamente por contos, historias e memorias ligadas á tradición oral galega e tamén á europea, na que temos arte e parte, asentadas na cultura agrícola-gandeira e pedestre. E cun toque contemporáneo, para apalparlles que tamén son actuais, que aquí as están e non coma pezas de museo. Tamén invento historias e contos, coma calquera… Ás nenas e nenos, e á xente grande, intento contarlles ademais, que o que se conta non é unha cifra exacta-exacta, e que a lingua non se pode deixar que se poña de trapo”.
O Servizo de Normalización Lingüística organiza este ciclo que pretende poñer o acento na importancia da oralidade para transmitir as historias de vello, pero tamén as novas creacións e as apostas escénicas máis atrevidas, gozando da musicalidade, do acento e dos recursos expresivos da nosa fala, que son o principal valor da transmisión interxeracional da nosa lingua propia.
O espectáculo será o vindeiro sábado 6 de decembro, ás 20.00 h, no auditorio do Piñeiral do Crego de Chapela.
As entradas poderanse adquirir dende o xoves 4 nos multiúsos da Xunqueira e do Piñeiral do Crego, cun prezo de 5 € para a entrada xeral, e 3 € para persoas xubiladas e estudantes.



