A xuntanza, na que participan 40 especialistas dos principais grupos de investigación a nivel mundial, está coordinada polo profesor da Escola de Enxeñería Industrial Jacobo Porteiro
Especialistas de 14 países (Estados Unidos, Xapón, Corea, Alemaña e Francia, entre outros) participan esta semana en Baiona na xuntanza anual do Comité de Combustión da Axencia Internacional de Enerxía, organismo autónomo no que se reúnen os grandes consumidores de recursos enerxéticos do mundo desenvolto. Coordinados polo profesor da Escola de Enxeñaría Industrial Jacobo Porteiro, actual presidente do comité, teñen por diante catro días nos que analizar, debater e valorar os avances tecnolóxicos e científicos en materia de combustión, con especial atención a aqueles dirixidos a reducir a emisión de contaminantes á atmosfera.
O encontro consolida a nivel internacional o traballo do Grupo Tecnoloxías Enerxéticas da EEIAo longo de toda a semana estas expertas e expertos abordarán múltiples cuestións relativas á química da combustión, motores, feluxe, chorros, combustións de sólidos… “A excepción da última, todas estas tarefas teñen unha forte vinculación co motor de automoción, aínda que tamén hai xente vencellada co mundo das turbinas da aviación, as caldeiras e os fornos industriais”, explica o actual director do comité, quen, tras a celebración desta xuntanza en Baiona, cederá o cargo á representante de Francia, a profesora Christine Rouselle da Universidade de Orleans.
“Para min ter podido traer a Galicia un evento desta natureza amosa a capacidade da Universidade de Vigo, e da xente que traballamos nela, para formar parte de comités e organismos de máxima relevancia científica a nivel mundial”, explicou Porteiro, que fixo tamén fincapé en que a xuntanza é un gran pulo para a proxección internacional do traballo que se vén facendo dende o Grupo de Tecnoloxías Enerxéticas da Univesidade de Vigo, un equipo composto por máis de 25 investigadoras e investigadores dirixidos polo catedrático José Luis Míguez Tabarés e que, a día de hoxe, se consolida como un dos grupos con máis produtividade de investigación e transferencia de coñecemento en eidos coma os motores térmicos, a tecnoloxía enerxética e a combustión de biomasa.



