spot_img
InicioPontevedra e ÁreaComeza a campaña “Devólvelle a confianza” de CAAN para animar á adopción...

Comeza a campaña “Devólvelle a confianza” de CAAN para animar á adopción de animais maltratados

comeza-campana-devolvelle-confianza-caan-animar-adopcion-animais-maltratadosO Centro de Acollida e Protección de Cans Abandonados (CAAN) da  Deputación de Pontevedra, do que o Concello da Guarda é membro, inicia unha campaña de rehabilitación de animais maltratados, co fin de fomentar a adopcións daqueles animais vítimas de danos e sufrimento tanto físico como psicolóxico.

Baixo o lema “Devólvelle a confianza”, a campaña pon o foco neste grupo de animais por ser os máis vulnerables e chama á adopción como unha alternativa prioritaria que permita a súa rehabilitación.

“A túa implicación é fundamental na adopción, favorece a súa recuperación e devólvelles a confianza nas persoas”, advirten dende CAAN. Non obstante, compre ter en conta que a adopción dun animal maltratado é unha situación  complexa que supón moito tempo e dedicación, polo que esta debe ser unha decisión consciente e responsable.

Que se pode considerar maltrato?

O maltrato inclúe todas aquelas accións nas que se provoca dano ou sufrimento, tanto físico como psicolóxico, de xeito que o estado de saúde e as emocións e sentimentos dos animais tamén deben ser tidos en conta. Tanto os danos físicos coma os emocionais precisan de tratamento veterinario, pero tamén de moita implicación por parte das persoas coidadoras e futuras propietarias, xa que a total rehabilitación dos animais depende delas en gran medida.

O CAAN atende unha media anual de 50 animais procedentes de situacións de maltrato, retirados ou incautados polas autoridades.  A súa atención e coidado son algunhas das funcións máis completas e importantes que asumen os refuxios e centros de recollida, xa que o seu labor é fundamental na recuperación e reinserción dos animais.

O centro pertencente á Deputación de Pontevedra desenvolve, ademais, un papel fundamental na elaboración de informes periciais que advirten sobre o estado dos animais, os danos producidos e as súas consecuencias, e colabora coas autoridades administrativas e xudiciais na persecución do delito. Os máis comúns están relacionados con situacións de abandono, mala alimentación, enfermidade ou cans permanentemente encadeados.

En moitas ocasións, a estancia dos animais maltratados nos centros de acollida prolóngase por restricións temporais para a acollida e cesión, a causa de actuacións administrativas e xudiciais contra as persoas causantes do maltrato. Unha vez que sexa permitida polas autoridades xudiciais, a adopción dos animais maltratados é prioritaria, xa que aqueles que presentan alteracións emocionais precisan dun ambiente estable e tranquilo que lles proporcione seguridade

O Centro de Acollida e Protección Animal

O Centro de Acollida e Protección Animal (CAAN) púxose en marcha no ano 2013, contando na actualidade con 49 concellos adheridos, entre eles o Concello da Guarda. As instalacións do centro atópanse en Lugar do Busto, na parroquia da Armenteira do Concello de Meis.

O CAAN realiza numerosas campañas dirixidas a concienciar á sociedade do bo trato e os coidados que lles han de dispensar aos animais domésticos, conseguir que a adopción se converta na alternativa principal ou a necesidade de que leven o seu microchip de identificación.

Aquelas persoas interesadas en adoptar poden acudir ao centro no seu horario de apertura (de luns a venres de 12 a 19:30 horas e sábados de 11 a 14 horas) e solicitar información a través no teléfono 986 140 360 ou ben a través da súa páxina web, www.caan.depo.es.

 

- Publicidade -spot_img