spot_img
InicioBaixo MiñoCoa iluminación da catedral arranca en Tui a promoción do Camiño Portugués...

Coa iluminación da catedral arranca en Tui a promoción do Camiño Portugués cara o Ano Santo 2021 no marco da campaña ‘Acende o Xacobeo’

Coa iluminación da catedral arranca en Tui a promoción do Camiño Portugués cara o Ano Santo 2021 no marco da campaña 'Acende o Xacobeo'A iconografía permanecerá no templo ata o día de Nadal, ao igual que na Torre do Reló da Guarda, e logo chegará a outras localidades desta ruta peregrina, como Caldas de Reis, Pontevedra, Vilanova ou Padrón

A Xunta de Galicia arrancou en Tui a promoción do Camiño Portugués cara o Ano Santo 2021 coa iluminación da Catedral de Santa María no marco da campaña Acende o Xacobeo, que chegará a 93 edificios e monumentos destacados de Galicia e doutras dez comunidades autónomas colaboradoras durante os derradeiros dez días do ano.

A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, presidiu o acto na localidade tudense na compaña do alcalde, Enrique Cabaleiro, e da corporación municipal, que quixo amosar coa súa presenza o seu respaldo á campaña e á promoción das distintas rutas xacobeas antes da apertura da Porta Santa da Catedral de Santiago o vindeiro día 31.

“Estamos ante unha oportunidade histórica, coa que nos estamos a volcar dende a Xunta de Galicia, xa que vai ser fundamental para a reactivación do turismo e para a proxección da nosa terra no exterior, tanto a nivel nacional como internacional, grazas a un fito recoñecido en todo o mundo como é o Camiño de Santiago”, manifestou a representante autonómica.

Deste xeito, a Catedral de Tui permanecerá iluminada ata o día de Nadal, no marco da primeira fase da campaña Acende o Xacobeo, co logo desta efeméride en cor azul e coa emblemática frecha amarela tan propia destas rutas de peregrinos. Na bisbarra do Baixo Miño tamén se promocionará o percorrido luso, coa mesma iconografía e nestes mesmos días, na Torre do Reló da Guarda, así como nas cidades de Vigo e Redondela.

Posteriormente, esta iniciativa chegará a outros edificios emblemáticos do Camiño Portugués doutras localidades máis próximas a Santiago, como a igrexa de Santo Tomé de Becket en Caldas de Reis, a de Santiago Apóstolo en Padrón ou a de San Francisco en Pontevedra.

- Publicidade -spot_img