Inicio Val Miñor Baiona Clubs náuticos de toda Europa reúnense en Baiona no congreso 'Galicia, Atlantic...

Clubs náuticos de toda Europa reúnense en Baiona no congreso ‘Galicia, Atlantic Destination’

clubs-nauticos-toda-europa-reunense-baiona-no-congreso-galicia-atlantic-destinationRepresentantes de máis de 20 clubs e asociacións náuticas europeas participarán a partir deste venres e ata o domingo en Baiona no ‘Galicia, Atlantic Destination’, un congreso que pretende dar a coñecer o potencial da comunidade galega para atraer a este tipo de visitantes.

Organizado por Turismo de Galicia, Portos de Galicia e o Monte Real Club de Yates coa colaboración do concello de Baiona, o evento incluirá conferencias, charlas, mesas redondas e workshops no Parador Nacional de Baiona, e un percorrido turístico por distintos puntos de ría de Arousa.

O Galicia, Atlantic Destination é o primeiro congreso de turismo náutico europeo que se celebra no país e nel abordarase a situación actual dun sector que rexistrou un importante crecemento nos últimos anos e que neste 2017 xa xerou en Galicia un volume de negocio duns 2 millóns de euros.

Así o destacou esta mañá na presentación do evento o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, ao poñer sobre a mesa uns datos que revelan a importancia que este tipo de turismo ten para Galicia. “Nos últimos 5 anos –dixo Durán- pasamos de 7.000 embarcacións en tránsito en 2013, ás preto de 9.000 que se rexistraron xa neste 2017“.

O aumento, próximo ao 30%, adquire unha maior importancia ao coñecerse o volume de negocio que xera, non só para os portos de destino, senón tamén para o sector náutico auxiliar, hostalería, restauración e servizos. As cifras, presentadas polo máximo responsable dos portos galegos, revelan que o gasto medio por pernoita móvese entre os 200 e 500 euros. “Temos ante nós un potencial de mercado extraordinario que non queremos nin podemos deixar escapar“, concluíu Durán.

Nesa mesma idea incidiu o presidente do Monte Real Club de Yates, José Luis Álvarez. Dixo que “impulsar o turismo náutico é un reto de futuro que hai que asumir para seguir avanzando na xeración de riqueza, emprego e benestar”, e que ese foi o principal motivo polo que propuxeron a idea do Galicia, Atlantic Destination. Destacou, ademais, o feito de que o congreso se celebre en Baiona, líder na recepción de tránsitos en Galicia.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, cualificó o evento como “unha gran oportunidade para situar a comunidade galega como referente europeo en turismo náutico”. Neste sentido lembrou a aposta por alcanzar a excelencia por parte dos profesionais do sector náutico en Galicia, como así o testemuña o feito de que, de cada 10 instalacións náutico-deportivas coa Q de Calidade que existen en España, 6 estean en Galicia.

Na presentación oficial do evento, celebrada esta mañá no Monte Real Club de Yates, tamén participaron o alcalde e a concelleira de turismo de Baiona, Angel Rodal e Beatriz González; e o vicepresidente do Monte Real Club de Yates, Alejandro Retolaza.

O Galicia, Atlantic Destination dará comezo o vindeiro venres ás 10 da mañá no Parador Nacional de Baiona coa inauguración oficial do congreso por parte das autoridades. Media hora máis tarde celebrarase a primeira mesa redonda, titulada ‘Galicia e o turismo náutico’; e a partir do mediodía falarase de ‘Proxectos de desenvolvemento do turismo náutico’. Pola tarde será a quenda dos workshops e sesións de traballo en grupo; e o sábado a actividade desprazarase ata a ría de Arousa, onde está programado un percorrido turístico.

Alemaña, Bélxica, Dinamarca, Francia, Irlanda, Países Baixos, Portugal e Reino Unido son algúns dos países de orixe dos 22 clubs e asociacións que participarán no evento.

 

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

SÍGUENOS

692FansGóstame
308SeguidoresSeguir

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies