Club de Mar Ría de Aldán impónse en categoría feminina e logra a segunda praza en masculina para seguir á fronte da liga Galega de Kayak de Mar
Este domingo día 1 de maio celebrouse no peirao de Santo Tomé de Cambados a 3º Regata da liga Galega de Kayak de Mar da tempada. A competición deu comezo ás 11 da mañá coa saída ás categorías senior, xuvenil e veterano. Unha hora e media máis tarde iniciáronse a proba dos participantes cadetes xunto coa modalidades SUP e populares.
O percorrido da carreira foi de 10 km, empezando no embarcadoiro de Santo Tomé con dirección cara á Illa de Arousa, unha vez pasado a ponte estaba a marca para virar e volver cara ao punto de partida, excepto no caso dos cadetes, que remaron 5 quilómetros.
O Club de Mar Ría de Aldán Hnos. Gandón, que partía como líder da liga Galega, non defraudou, e fíxose coa vitoria en categoría feminina e a segunda praza na masculina, confirmando os prognósticos e completando unha excelente actuación que posibilita que siga á fronte da clasificación.
Os padeeiros do Club de Mar Ría de Aldán fixéronse coa vitoria no K-2 Mixto, tripulado por Jessica Moledo e José Ángel Bicada; tamén se subiron todo o máis alto do caixón Suso Dacosta e José Manuel Gago, no K-2 Veterano masculino. Serafín Canosa foi segundo no K-1 xuvenil, mentres que no K-2 cadete, Mateo González e Marcos Pérez, levaron a prata, Gustavo López e Borja Martínez o bronce, e Andrés Pérez e Abel Dacosta apoderáronse da cuarta praza.
Polo que respecta ás mozas, Carmela Menduiña foi segunda no K-1 Sénior, proba na que Covi Carballido acabou terceira; por último, no K-2 Sénior, Laura Gil e Noelia Moledo, levaron o subcampeonato e Sandra Villar e Sofía Ríal, o terceiro posto.




