spot_img
InicioGaliciaO Fondo Galego achega a países europeos a súa experiencia en educación...

O Fondo Galego achega a países europeos a súa experiencia en educación para o desenvolvemento

Hermínia Ribeiro, subdirectora do Instituto Marquês de Valle Flôr, Carme Fouces, concelleira de Benestar Social e tesoureira do Fondo Galego e Juan González, alcalde de Nigrán e presidente do Fondo Galego
Foto:Hermínia Ribeiro, subdirectora do Instituto Marquês de Valle Flôr, Carme Fouces, concelleira de Benestar Social e tesoureira do Fondo Galego e Juan González, alcalde de Nigrán e presidente do Fondo Galego

Entidades de Alemaña, Holanda e Portugal asistirán ao Seminario Internacional no que se exporá o modelo de xestión e as boas prácticas dos concellos socios

 O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade achegará a súa experiencia a entidades de Portugal, Alemaña e Holanda que mañá martes participarán en Pontevedra no Seminario Internacional ‘Intercambios en metodoloxías e materiais de educación para o desenvolvemento’. O evento, que se encadra no proxecto europeo Redes para o Desenvolvemento II, celebrarase na Sede Afundación, de 9.30 a 14 horas, e as inscricións poden realizarse en acorzo@igadi.org.

O Fondo Galego actuou como referente na promoción das redes de cooperación descentralizada durante a primeira fase do proxecto cofinanciado pola UE, que culminou coa creación da Rede Intermunicipal de Cooperação para o Desenvolvimento en Portugal e coa xeración en Alemaña dun tecido de municipios irmandados con localidades nicaraguanas. A asociación lusa amosará no seminario experiencias de éxito en educación para o desenvolvemento no ámbito municipal, canda o Consello Nacional para Parcerías das Cidades entre Países Baixos e Nicaragua (LBSNN)  e a ONGD alemá Fine+p.

O propio Fondo Galego explicará a continuación o seu modelo de xestión e o know how acumulado en educación para a cidadanía global, mentres que concellos socios da entidade contribuirán con exemplos de boas prácticas neste eido e de participantes nas Vacacións con Traballo, o programa de voluntariado en países do Sur dirixido a persoal da administración local. Está previsto asemade conectar por videoconferencia coa Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos e coa Rede Mozambicana de Mulleres Autarcas, para recoller as voces dos parceiros en terreo. No descanso de media mañá servirase ademais un café de comercio xusto, amenizado coa actuación das caboverdianas Batuko Tabanka, mentres que pola tarde o Concello de Pontevedra ofrecerá unha visita guiada pola cidade.

O obxectivo de Redes para o Desenvolvemento II é fortalecer as autoridades locais europeas en accións de educación para o desenvolvemento, que contribúan a formar unha cidadanía crítica e comprometida coa xustiza social. As metas específicas pasan por capacitar as autoridades locais neste tipo de accións, promover boas prácticas e parcerías multiactor europeas e mais incorporar a participación cidadá nas políticas de cooperación.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 85 concellos e as deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.

SEMINARIO INTERNACIONAL ‘INTERCAMBIOS EN METODOLOXÍAS E MATERIAIS DE EDUCACIÓN PARA O DESENVOLVEMENTO’

9:30 Benvida

10:00 Experiencias de éxito en Educación para o Desenvolvemento no eido municipal

  • LBSNN (Holanda)
  • Fine+p (Alemaña)
  • Rede Intermunicipal de Cooperação para o Desenvolvimento (Portugal)

11:00 O modelo de xestión e a Educación para o Desenvolvemento no Fondo Galego

11:30 Café de comercio xusto e actuación de Batuko Tabanka

12:00 A experiencia das Vacacións con Traballo

12:30 Boas prácticas dos municipios galegos en Educación para o Desenvolvemento

13:00 Proxecto coa Rede Mozambicana de Mulleres Autarcas

13:30 Debate

14:00 Peche

 *Haberá servizo de interpretación inglés-galego e galego-inglés

 

- Publicidade -spot_img