spot_img
InicioO MorrazoBueuCineastas chegados de media ducia de países participaron na cerimonia de entrega...

Cineastas chegados de media ducia de países participaron na cerimonia de entrega de premios do 9º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu

ficbueu

Unha alfombra floral co logo da ánfora San Martiño deu a benvida a cineastas, autoridades e público á entrada do Centro Social do Mar

Cineastas chegados de media ducia de países participaron na cerimonia de entrega de premios do 9º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (Pontevedra). No entanto, as actividades comezaron xa de mañá cunha andaina polo espazo natural de Cabo Udra, para dar paso pola tarde á navegación coa asociación de embarcacións tradicionais Os Galos e a un Encontro con Celso Bugallo. O actor, gañador dun Goya, participou ás 18 horas nunha entrevista en profundidade conducida pola xornalista Carmen G. de Burgos, na que o público pudo fazer as súas preguntas.

A gala deu comezo ás 21.30 horas. Unha alfombra vermella de flores, representando o logo do certame coa ánfora San Martiño, deulles a benvida a convidados e público na entrada do Centro Social do Mar. Membros da asociación cultural Alfombras de Corpus de Bueu prepararon a obra floral, ante a que desfilaron actores e realizadores galegos e estranxeiros, alén de autoridades coma o alcalde de Bueu, Félix Juncal; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, ou o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, en representación das tres administracións que apoian o FICBUEU 2016, canda entidades e empresas da contorna.

O actor César Aldea volveu conducir o acto, que como vén sendo habitual contou no seu arranque co factor sorpresa para denunciar algunha situación da actualidade social. Severiano Casalderrey puxo de novo a música ao piano. Proxectáronse asemade os filmes gañadores da Ánfora de Ouro, da Ánfora de Prata e do Premio do Público, dotados respectivamente con 2.500, 1.000 e 750 euros. A eles súmase o Premio á Mellor Curtametraxe Galega, que a Fundación Novas patrocina con 500 euros. Levaron ademais diploma as once categorías técnicas: mellor director, guión, actriz, actor, fotografía, dirección artística, vestiario, maquillaxe/peiteado, son, montaxe e música. A cerimonia retransmitiose en streaming e puido comentarse a través das redes sociais, en Twitter coa etiqueta #galaficbueu16.

Para o domingo ás 18 horas ficará aínda a proxección dos traballos máis destacados enviados por centros educativos de Galicia, entre os que se decidirá un único premio dotado con 250 euros. Na sesión presentarase asemade a curta resultante do obradoiro ao que asistiron sete mozas e mozos durante os últimos días. Trátase ademais dunha actividade solidaria coa promoción do cinema en aldeas peruanas, xa que a contía que voluntariamente queiran aboar as persoas asistentes se destinará aos proxectos da plataforma cultural La Combi – Arte Rodante. Talleres audiovisuais para mozos, proxeccións ao aire libre ou festivais pola liberdade de expresión atópanse entre as accións que organizan, habitualmente en zonas desfavorecidas ou en comunidades afastadas.

- Publicidade -spot_img