spot_img
InicioVigo e áreaVigoCiencia na rúa e mozas nas carreiras científicas e técnicas

Ciencia na rúa e mozas nas carreiras científicas e técnicas

Ciencia na rúa e mozas nas carreiras científicas e técnicas A Universidade de Vigo e Deputación de Pontevedra poñen valor o traballo das científicas e procuran vocacións

Visualizar especies singulares de diferentes ecosistemas. Detectar manipulacións nas imaxes. Descubrir como evoluciona o cerebro e as súas neuronas. Achegarse e imitar as pinturas rupestres. Aprender cuestións relacionadas coa economía, a sociedade e o medio ambiente. Estas son só algunhas das actividades nas que ata última hora da tarde deste venres poderán participar todos os nenos e nenas, mozos e mozas, así como as súas familias, na feira científica A ciencia que vén ten nome de muller.

Organizada pola Unidade de Cultura Científica da Universidade de Vigo, con financiamento da Deputación de Pontevedra e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia y Tecnología- e a colaboración do Concello de Vigo, a feira achega a través dunha ducia de postos ubicados nunha carpa situada na praza do Berbés, o traballo que desenvolve o persoal investigador da UVigo, nomeadamente as mulleres, co obxectivo de espertar vocacións científicas, en especial entre as nenas e as mozas.

Uns 80 estudantes de 5ºe 6º de Primaria do CEIP Frián de Teis foron os primeiros en descubrir os 12 postos da feira ,dos que nove corresponden a grupos de investigación da UVigo; un á Unidade de Igualdade, no que se amosan diferentes xogos e actividades vinculados á muller na ciencia; e outros dous informativos sobre a Deputación de Pontevedra e a propia Universidade de Vigo. Durante dúas horas, as es os estudantes convertéronse en detectives de imaxes da man das e dos investigadores do Grupo de Procesado de Sinal en Comunicacións do Centro atlanTTic; responderon ás preguntas que sobre economía e sociedade lles formularon os integrantes de Ecobas; descubriron a evolución do cerebro e o seu funcionamento e puideron extraer o ADN do plátano, cos grupos de Neurofisioloxía e Xenómica; aprenderon como se pintaba na prehistoria co grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio; descubriron propiedades da linguaxe e a comunicación co Grupo de Investigación en Lingua Española e Linguas Signadas; manipularon os  recursos minerais co Grupo de Xestión Segura e Sostible de Recursos Mineiros e familiarizáronse con especies mariñas e terrestres cos grupos de Oceanografía Biolóxica e Bioloxía Ambiental.

Mulleres que fan ciencia e precisan unha remuda

O reitor da UVigo e a presidenta da Deputación de Pontevedra foron os encargados este mediodía de inaugurar a feira, e ambos coincidiron á hora de poñer en valor o traballo que desenvolven as mulleres nos ámbitos científico e tecnolóxico, así como na necesidade de incrementar o número de mozas que se matriculan nestes estudos universitarios.

Manuel Reigosa destacou o compromiso da UVigo con levar a ciencia ás rúas, como un xeito de estar máis presente na sociedade na que se insire. O reitor da UVigo sinalou a ciencia como un posibilidade de futuro profesional e animou ás mulleres a que “non deixen as ciencias fóra das súas carreiras”, ao tempo que afirmou que “o talento feminino pode agromar na UVigo e en calquera universidade”.

Pola súa banda, Carmela Silva felicitou á UVigo “por sacar a ciencia á rúa” e lamentou a escasa representación feminina nas carreiras científicas, así como nas direccións dos grupos de investigación. “É fundamental poñer o foco para alertar da inxustiza e animar ás mulleres a que sexan científicas”, dixo a presidenta da Deputación de Pontevedra.

Sete meses de eventos e actividades

A ciencia que vén ten nome de muller está organizada ao abeiro do  programa Ciencia de ida e volta, o plan anual de actividades para o curso 2021/2022 da Unidade de Cultura Científica da Universidade de Vigo, ao abeiro do que xa se levaron a cabo actividades como a exposición itinerante 100 lunas cuadradas, un concurso de vídeos científicos, diferentes iniciativas organizadas co gallo do 11F, Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia… Por diante quedan múltiples eventos, entre eles, algúns cos que celebrar datas coma o Día Mundial da Saúde, o 7 de abril, ou o Día Mundial dos Océanos, o 8 de xuño.

- Publicidade -spot_img