Esta mañá foron descargados no porto de Vigo os veleiros que entre o 23 e o 28 de maio competirán na ABANCA 52 SUPER SERIES • Baiona Sailing Week
O porto de Vigo acolleu esta mañá una das operacións de desestiba e descarga máis peculiares no que vai de ano, a dos veleiros que a finais deste mes competirán na ABANCA 52 SUPER SERIES – Baiona Sailing Week, organizada polo Monte Real Club de Yates.
Estas espectaculares embarcacións, Transpac 52 ou TP52, son monocascos construídos en fibra de carbono, con 15,85 metros de eslora, unha gran superficie vélica e unhas quillas longas e delgadas. Veleiros lixeiros e de alto rendemento, considerados auténticas “máquinas voadoras” sobre o mar, a auténtica “Fórmula Uno” da vela de cruceiro actual.
Baixo a supervisión da compañía loxística Peters & May, encargada de traelos a Galicia desde o porto de Sagunto (Valencia) a bordo dun cargueiro, os veleiros foron descargados un a un ata tocar as augas das Rías Baixas.
“Máis que unha operación complicada, é unha operación delicada polo tipo de embarcacións, que aínda que son fáciles de cargar e descargar, son moi delicadas pola fibra de carbono coa que están construídos os veleiros” asegura o xerente de Peters & May para España e Portugal, Xusto Gosalbes.
“A dificultade máis grande neste tipo de operacións -asegura Gosalbes- son as aduanas, porque todos os equipos son estranxeiros, moitos deles non son europeos, e hai moito trámite de aduanas e portos que é, ademais, moi laborioso”.
A de hoxe foi a primeira toma de contacto dos TP52 coa ría de Vigo, na que en menos de dúas semanas disputaranse unha das competicións náuticas máis importantes do planeta, un evento que traerá a Galicia a algúns dos regatistas máis prestixiosos, incluídos campións do mundo e medallistas olímpicos.
Ademais dos veleiros, que unha vez descargados continúan por mar o seu traxecto ata Baiona, este mércores tamén se descargan en Vigo os 18 contedores de cada unha das tripulacións e da organización, que posteriormente, o día 16, serán trasladados por terra ata o Monte Real Club de Yates. A súa entrada en Baiona será outra das fases complicadas da operación loxística. “Aquí a dificultade -explica Xusto Gosalbes, de Peters & May- está en regular o tránsito dos camións de forma que non se bloquee a localidade.
Teremos un camión dentro do Parador e outro fose traballando, e nos arredores de Baiona haberá, ademais, outra zona de filtrado de camións para que vaian entrando aos poucos e a súa circulación repercuta o mínimo. Dentro do Monte Real, onde se descargarán e colocarán os contedores, será outro dos puntos crave da operación, xa que o espazo é reducido e está todo calculado ao centímetro”.
En Baiona levan días desaloxando e preparando toda a superficie de entrada ao Parador Nacional e ao Monte Real Club de Yates para poder situar aí os contedores. Ademais, na mariña do club tívose que realizar unha gran reestruturación de barcos para poder reservar todo un pantalán para os TP52.