Inicio Val Miñor Nigrán Chega a Nigrán a mostra itinerante 'O mar tamén ten mulleres'

Chega a Nigrán a mostra itinerante ‘O mar tamén ten mulleres’

Chega a Nigrán a mostra itinerante 'O mar tamén ten mulleres'Coincidindo co Día Internacional contra a Violencia de Xénero, presentouse no Auditorio Municipal do Concello de Nigrán a mostra O MAR TAMÉN TEN MULLERES, promovida polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Ría de Vigo – A Guarda (GALP 7) co obxectivo de visibilizar o traballo das mulleres que dedicaron a súa vida ás tarefas do mar no territorio do GALP 7, que abrangue os concellos de Cangas, Moaña, Vilaboa, Soutomaior, Redondela, Vigo, Nigrán, Baiona, Oia, O Rosal e A Guarda. 

Na presentación participaron Juan A. González, alcalde do Concello de Nigrán; Susana González, patrona Maior Confraría Pescadores de Baiona; e Juan Manuel Gregorio Vaquero, presidente do Galp Ría de Vigo – A Guarda, quen explicou que as fotografías desta instalación “constitúen unha crónica da vida nas comunidades pesqueiras ao longo do século XX e axúdannos a contar a historia completa, incluíndo a de aquelas que realizaron labores non remuneradas e que compaxinaron o coidado das familias co mantemento dos aparellos de pesca ou o restrelo dos areais”. Gregorio engadiu que “esta é unha mostra de mulleres que fixeron e  fan equilibrios coa patela na cabeza, contada a través de fotografías analóxicas de autores diversos, tomadas ao longo de 100 anos e 130 kilómetros de costa atlántica”.

Chega a Nigrán a mostra itinerante 'O mar tamén ten mulleres'

O acto foi conducido pola poeta Silvia Penas, que lembrou que “a industria pesqueira en Galicia está en débeda co rol e traballo desenvolvido polas mulleres no mar” e que é de xustiza que “as administracións recoñezan esta realidade con mostras como a que hoxe se presenta, porque é necesario crear referentes para que nas xeracións vindeiras academos a igualdade real”.

Nigrán é a terceira poboación do territorio que acolle a mostra despois da súa inauguración na Guarda o pasado xullo, no transcurso do XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais, e da instalación en Vilaboa dentro do Canteira Fest en setembro. O MAR TAMÉN TEN MULLERES recolle a historia das mariscadoras, as redeiras, as carrexonas, as percebeiras, as peixeiras, as traballadoras da salga e a conserva, as bateeiras e de todas as mulleres do mar. Todas elas foron protagonistas do seu tempo e tamén o son agora desta exposición que recupera as sabenzas de mulleres anónimas para poñer en valor o seu traballo e renderlles homenaxe ao rescatar capítulos preciosos da nosa memoria histórica.

Chega a Nigrán a mostra itinerante 'O mar tamén ten mulleres'
A exposición presentada hoxe foi elaborada tras unha intensa recollida de achegas individuais e cesións de diversos arquivos. Recolléronse case 150 fotos das que foron seleccionadas 30 para formar parte da instalación e do catálogo online, que pode consultarse na web do Galp 7. Con todas as fotografías recibidas elaborouse tamén un vídeo que se proxectará durante a presentación da mostra, que poderá visitarse entre o 25 de novembro e o 1 de decembro no Auditorio Municipal de Nigrán. O MAR TAMÉN TEN MULLERES é un proxecto itinerante que percorrerá durante os próximos meses outros lugares do territorio do Galp 7.

Chega a Nigrán a mostra itinerante 'O mar tamén ten mulleres'

O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Ría de Vigo – A Guarda (GALP 7) é unha entidade colaboradora da Consellería do Mar, responsable de aplicar a estratexia de desenvolvemento local participativo (EDLP) no seu territorio, que se estende por un total de once concellos que definen os límites terrestres das rías de Vigo e de Baiona: Cangas, Moaña, Vilaboa, Soutomaior, Redondela, Vigo, Nigrán, Baiona, Oia, O Rosal e A Guarda. Este GALP encárgase de xestionar e controlar as axudas do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) para o desenvolvemento desta estratexia no período 2014-2020. Os seus obxectivos son o fomento do crecemento económico, a inclusión social, a creación de emprego e o apoio á empregabilidade e á mobilidade laboral nas comunidades pesqueiras e acuícolas, incluíndo a diversificación das actividades realizadas no marco da pesca. Este proxecto inclúese dentro do Obxectivo 4 da estratexia, encamiñado a fomentar o benestar social e a posta en valor do patrimonio cultural das zonas pesqueiras como elemento para reforzar a identidade territorial, acadando maiores cotas de igualdade de oportunidades desde a perspectiva de xénero.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

Publicidade

+ VISTOS

Publicidade
Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies