spot_img
InicioBaixo MiñoCento cincuenta nenos e nenas de Primaria estrean a nova pista de...

Cento cincuenta nenos e nenas de Primaria estrean a nova pista de atletismo da Área Deportiva do Mosteiro en Tomiño

cento-cincuenta-nenos-e-nenas-de-primaria-estrean-a-nova-pista-de-atletismo-da-area-deportiva-do-mosteiro-en-tomino

Nos minutos previos á competición, celebrouse un sinxelo acto de inauguración das instalacións, presidido pola alcaldesa e o inspector da Consellería de Educación

Cento cincuenta alumnos e alumnas de Primaria estrearon este venres, a nova pista de atletismo construída polo Concello de Tomiño na Área Deportiva do Mosteiro, situada ao lado do CEP Pedro Caselles.

As probas, de promoción do deporte, estiveron coordinadas por Agrudebam (Asociación Deportiva Baixo Miño), e realizáronse a partir das dez e media da mañá, coa participación de 150 nenos e nenas de 5º curso, procedentes dos cinco colexios tomiñeses de Primaria e do Suárez Marquier, do Rosal.

Nos minutos previos á competición, celebrouse un sinxelo acto de inauguración das novas instalacións, que estivo presidido pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e o inspector da Consellería de Educación, Carlos Alberto Antuña. Os mandatarios estiveron acompañados polo director do CEP Pedro Caselles Beltrán e coordinador de Agrudebam, Alfonso Lorenzo, concelleiro de Deportes, Ismael Troncoso e representantes da ANPA e Claustro de Profesores.

Antuña agradeceu ao goberno municipal a súa colaboración permanente coa educación e o deporte de base, salientando tamén a calidade do claustro de profesores. “Sodes uns privilexiados porque tedes un claustro de profesores único, comprometido e sempre disposto a colaborar”, sostivo.

A alcaldesa, pola súa banda, deu a benvida a todos os participantes, animándolles a participar e a utilizar, con respecto e coidado, a nova instalación.

As probas nas que participou o alumnado foron: 60m Lisos, 500m Lisos, Lanzamento de Vórtex, Salto de Lonxitude, Lanzamento de peso de 2kg, e Relevo 4×60 m.

A nova pista de atletismo posúe catro calles e 200 metros de lonxitude, debido ás posibilidades dimensionais do espazo da parcela. O investimento total foi de 54.716 euros financiados a través do Plan Concellos 2016, da Deputación de Pontevedra.

O espazo interior da pista acondicionouse con céspede natural, co propósito de empregalo como campo de fútbol.

A nova instalación ponse ao servizo da comunidade escolar do colexio Pedro Caselles, e tamén da cidadanía en xeral, fora do horario escolar.

Con esta nova obra, a Área Deportiva do Mosteiro conta cunha pista de atletismo, tres de tenis e unha de pádel, que ocupan 5.405 m2 da parcela. A estas hai que sumar as instalacións do CEP Pedro Caselles (dúas pistas pequenas de baloncesto, outra polivalente e un campo de volei), que ocupan outros 25.000 m2.

O concelleiro de Deportes, Ismael Troncoso, salienta que a utilización conxunta de todas as instalacións “supón un equipamento deportivo moi completo, se se realiza un uso sostible e razoable do espazo”.

- Publicidade -spot_img