Inicio Pontevedra Carmela Silva inaugura este luns nos xardíns do Pazo Provincial a 'Escola...

Carmela Silva inaugura este luns nos xardíns do Pazo Provincial a ‘Escola Pública de Igualdade María Vinyals’

Deputación-Pontevedra-entrega-Premios-Provinciais-Investigación-Cultura-2014

Este luns, 27 de xuño, a Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentará ás 12:30 horas nos xardíns do Pazo provincial a Escola Pública de Igualdade María Vinyals.

inauguración da mesma será o mércores 29 de xuño, a partir das 10:00 horas, no Castelo de Soutomaior, lugar onde ten a súa sede. No acto deste luns, a Presidenta estará acompañada pola Deputada provincial de Igualdade, María Isaura Abelairas, e colectivos e asociacións de mulleres de toda a provincia.

A Escola Pública de Igualdade María Vinyals é unha clara aposta da Deputación de Pontevedra en materia de Igualdade, incorporación recente en canto a competencias directas da institución provincial. A creación desta Escola responde ao firme compromiso da Deputación polo impulso da igualdade efectiva de oportunidades entre mulleres e homes, na que a formación xoga un papel fundamental. Deste xeito, preténdese dotar á cidadanía dos coñecementos necesarios en materia de Igualdade, permitindo que estes se integren nos eidos tanto persoal como profesional. As accións formativas da Escola están destinadas ao persoal técnico da administración local, ás persoas profesionais que traballan na loita contra a violencia machista e as mulleres electas da provincia de Pontevedra, reservando ademais un 20% das prazas a persoas en situación de desemprego.

A xornada inaugural do mércores (para a que o prazo de inscrición seguirá aberto ata o luns) contará coa presenza de diversas poñentes e xornalistas que moderarán as mesas de debate despois da intervención da Presidenta da Deputación, Carmela Silva, e a benvida da Presidenta de Diario de Pontevedra, Blanca García Montenegro. Ás 10:30 horas, a historiadora da Universidade de Santiago Silvia Cernadas falará de María Vinyals e “A loita pola igualdade hai 100 anos”, moderada pola  redactora xefa do Atlántico Diario Ana Fuentes. Despois será a quenda de Rosa Cobo, profesora de socioloxía do xénero e directora do Centro de Estudos de Xénero e Feministas da Universidade da Coruña, quen falará a partires das 11:00 horas do “Movemento feminista, políticas de igualdade e capitalismo global” coa moderación da xornalista de Pontevedra Viva Marisa Ciordia Solana.

A seguinte intervención será a de Amelia Valcárcel, filósofa feminista e membro do Consello de Estado, dende as 12:45 horas. Moderada por María Díaz, xornalista de Radio Vigo (Cadena Ser), a súa ponencia leva por título “A democracia dos valores: a axenda da igualdade”. Irene Bascoy, directora de Galicia do Faro de Vigo, moderará a intervención “Violencia de xénero: Novas realidades e vellos discursos” impartida pola técnica e asesora en políticas de Igualdade na Deputación de Barcelona Maribel Cárdenas, a partir das 13:30 horas e, xa pola tarde (entre as 16:00 e as 19:00 horas), terán lugar os obradoiros que presentará a xornalista de La Voz de Galicia Susana Luaña: “En Rede: Respostas profesionais á violencia de xénero” (tamén por Maribel Cárdenas), “Rede de liderado mulleres electas” (a cargo de Lourdes Muñoz, presidenta de Dones en Xarxa e fundadora de Iniciativa Barcelona Open Data) e “Perspectiva de xénero nas políticas locais” (por Magdalena Castellanos, profesional experta na aplicación da igualdade de oportunidades a organizacións laborais e administracións públicas).

A escola recibe o seu nome da Marquesa de Ayerbe, María Vinyals, que dende o seu nacemento no Castelo, en 1875, destacou polo seu activismo na prensa a prol da igualdade de dereitos das mulleres, ademais de impartir conferencias por toda Galicia nas que se valeu da súa posición social para facer chegar a súa mensaxe e darlles voz ás mulleres. Ademais, a escola conta cunha imaxe creada por Bárbara Allende Gil de Biedma, Ouka Leele, fondamente comprometida coa igualdade e os dereitos humanos das mulleres e autora de multitude de performances en defensa da erradicación da violencia de xénero. Ouka Leele foi a gañadora do Premio Nacional de Fotografía en 2005 e dende 2014 forma parte do xurado das artes do Premio Princesa de Asturias, entre outros méritos.

A Escola de Igualdade María Vinyals é a primeira escola para mulleres electas de Galicia e unha das poucas existentes en España, sumándose á “Virginia Woolf Basqueskola” do País Vasco ou ao “Instituto de Formación Política para Mujeres” impulsado pola Deputación de Barcelona.

 

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

Publicidade

+ VISTOS

Publicidade
Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies