spot_img
InicioO MorrazoCangas do MorrazoCangas converterase esta fin de semana no epicentro da Economía Social e...

Cangas converterase esta fin de semana no epicentro da Economía Social e Solidaria

Cangas converterase esta fin de semana no epicentro da Economía Social e SolidariaDo 1 ao 4 de outubro a ESCOLA DAS ECONOMÍAS TRANSFORMADORAS, a MOSTRA DO POSIBLE e a FEIRA DE ECOLOXÍA E ARTESANÍA convertirán a Cangas no centro do movemento cooperativo e asociativo galego

O Salón de Plenos do Concello de Cangas acolleu esta mañán a presentación da nova edición da Mostra do Posible, a Feira da Economía Social e Solidaria que reúne en Cangas do Morrazo a gran parte do tecido social galego. No acto contouse coa presenza do alcalde de Cangas, Xosé Manuel Pazos e de David Esperón, presidente de Reencanto Producións.

A gran novidade deste ano é a celebración da ESCOLA DAS ECONOMÍAS TRANSFORMADORAS, que terá lugar durante o próximo xoves, venres e sábado no salón de plenos do Concello. En cada sesión intervirá un relator cun perfil académico específico, acompañado de tres entidades que aportarán a súa experiencia práctica como parte do ecosistema das economías transformadoras.

O próximo xoves a doutora en filosofía Isabel Rauber falará sobre o pensamento críticio e o cambio na civilización. A súa ponencia estará complementada por entidades financieiras éticas, como Fiare Banca Ética, a Asociación por un Interese Solidario o Peto e Coop 57 Galicia.

Cangas converterase esta fin de semana no epicentro da Economía Social e SolidariaO venres será a quenda de Marta Ribó, doutora en farmacia e coordinadora de Justicia Alimentaria no País Valenciá. Estará acompañada de tres entidades que traballan pola soberanía alimentaria: o Sistema Participativo de Garantía A Gavela e as cooperativas Árbore e a canguesa Pouso da Serra.

O sábado Antón Lois, técnico de medio ambiente, disertará sobre a inevitabilidade do cambio produtivo por imperativo climático. Nesta ocasión estará acompañado pola Rede de Economía Alternativa e Solidaria de Galicia, a cooperativa de consumidores Nosa Enerxía e por Artigo 14, unha cooperativa de xuristas.

A Escola das Economías Transformadoras será presencial para un grupo limitado de persoas. Aínda que xa non é posible a inscrición, na presentación desta mañá os organizadores avanzaron que as persoas interesadas poderán acceder nas vindeiras semanas ás ponencias que se publicarán en internet.

Pola súa banda, a MOSTRA DO POSIBLE terá lugar, sempre que a metereoloxía o permita, o próximo sábado e domingo, 3 e 4 de outubro. Como outros anos, a Alameda Nova encherase de postos nos que achegarse ás cooperativas da Economía Solidaria e ás propostas dos colectivos sociais. Nesta edición 30 entidades, como SOS Racismo Galicia, Ecoloxistas en Acción, Catro Ventos editora ou as Colonias Canguesas, confirmaron a súa participación.

Unha importante novidade será a ampla programación cultural para esta fin de semana. Achegaranse a Cangas compañías de danza, como A Artística; de teatro, O Baul da Tía Tola; máxia, Mago Charlangas; circo, Asacocirco ou música da man de Estrela Gómes, A lo Cubano e da pianista Katherine Linke. Ademais do luxo que supón gozar con estes grandes artistas, desde a organización consideran importante apoiar ás persoas da cultura nestes momentos complicados.

Desde a organización enfatizaron que están en marcha todas as medidas contempladas no protocolo COVID: distanciamento entre postos, facilitar o fluxo de persoas, acotar e limitar a capacidade máxima na zona de actividades… Ademais contarase con dispensadores de xel hidroalcólico en diferentes puntos da Alameda.

 

Debido ás circunstancias metereolóxicas o Concello de Cangas e a entidade coordinadora, Reencanto Producións, decidiron consensuadamente APRAZAR a celebración dos proxectos da seguinte forma:

  1. MOSTRA DO POSIBLE celebrarase a fin de semana do 17 e 18 de outubro.
  2. FEIRA DE ECOLOXÍA E ARTESANÍA realizarase o venres 16, sábado 17 e domingo 18 de outubro. 
  3. ESCOLA DAS ECONOMÍAS TRANSFORMADORAS ao non depender das cirnscuntancia meteorolóxicas realizarase como estaba previsto este xoves 1, venres 2 e sábado 3 de outubro. 

 

A FEIRA DE ECOLOXÍA E ARTESANÍA que se ven realizando en paralelo ás últimas edicións da Mostra do Posible tamén retorna con novidades. Nesta ocasión os artesáns e produtores en ecolóxico poderán montar os seus postos desde o venres 2 ata o domingo 4. A Feira de Ecoloxía e Artesanía, que contará con 20 postos, exténdese un día para apoiar a estes produtores que viron a súa actividade mermada nos últimos meses.

Cabe sinalar que estes proxectos organizados polo Concello de Cangas e coordinados pola asociación Reencanto Producións enmárcanse no programa de actuación 2020 da Rede Eusumo, unha rede de colaboración impulsada pola Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia para o fomento do cooperativismo e a economía social que conta co financiamento do Ministerio de Traballo e Economía Social.

- Publicidade -spot_img