spot_img
InicioO MorrazoBueuBueu homenaxea ao mariñeiro Francisco Villar Lemos nas "I Xornadas sobre a...

Bueu homenaxea ao mariñeiro Francisco Villar Lemos nas “I Xornadas sobre a historia da pesca do polbo”

Bueu homenaxea ao mariñeiro Francisco Villar Lemos nas I Xornadas sobre a historia da pesca do polbo
Foto do acto, na que se pode ver ao mariñeiro Francisco Villar Lemos, á esquerda, e a Félix Juncal Novas, alcalde de Bueu, á dereita

O acto, organizado polo Concello de Bueu e a Confraría de Pescadores San Martiño de Bueu, celebrouse o pasado venres no Estaleiro da Banda do Río e nel púxose en valor o ‘Polbo de Bueu’

O Estaleiro da Banda do Río foi o escenario elixido para celebrar o pasado venres as I Xornadas sobre a pesca do polbo en Bueu, organizadas polo Concello de Bueu e a Confraría de Pescadores San Martiño de Bueu. Tal e como salientou Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, “aínda que este ano non puidemos celebrar a Festa do Polbo, non quixemos perder a oportunidade de seguir poñendo en valor un produto tan noso como o polbo”.

ALBUM DE FOTOS CONCELLO DE BUEU: I Xornadas sobre a historia da pesca do polbo

José Manuel Rosas, patrón maior da Confraría de Pescadores, foi o encargado de impartir unha charla sobre a historia da pesca deste cefalópodo e das artes de captura máis importantes, como a nasa, a raña ou o bichero, das que trouxo unha mostra para que o público puidese observar. A xornadas discorreron nunha conversa moi retranqueira entre o patrón e Francisco Villar Lemos, natural do lugar Meiro, ao que se rendeu homenaxe pola súa traxectoria na captura do polbo. O mariñeiro lembrou os seus inicios, cando con quince anos embarcou nun barco en Ondarroa, e recoñeceu que “traballei moito, pero a min sempre me quixeron no mar”.

Félix Juncal, alcalde de Bueu, reivindicou a necesidade destes actos que recoñecen “a memoria viva dos pobos, e as persoas que constrúen a nosa identidade”, e salientou o compromiso do Concello coa defensa e a posta en valor da cultura e da tradición, “aínda nun ano tan atípico coma este, no que agardamos volver de novo á antiga normalidade”.

A charla e a homenaxe clausuráronse cunha actuación a cargo da comparsa Os Mulos, que interpretaron varias pezas galegas e de temática mariñeira. No acto deixáronse ver representantes políticos da corporación municipal, veciñanza e familia do homenaxeado.

- Publicidade -spot_img