Inicio Val Miñor Baiona Brillante comezo dos vascos do AD Grupo Garatu no nacional de J80...

Brillante comezo dos vascos do AD Grupo Garatu no nacional de J80 que se esta a celebrar en augas Baiona

brillante-comezo-dos-vascos-do-ad-grupo-garatu-no-nacional-de-j80-que-se-esta-a-celebrar-en-augas-baionaO equipo guipuscoano patroneado por Iker Almandoz asinou tres primeiros postos nas tres probas disputadas este sábado no Campionato de España de J80 que se celebra ata o vindeiro martes en Baiona no marco do Trofeo Repsol

Empezou con forza a cuadraxésimo primeira edición da tradicional Regata de Primavera do Monte Real Club de Yates, que este ano volve ser Trofeo Repsol e acolle o Campionato de España da clase J80. Na primeira xornada de probas polo título nacional, celebrada este sábado en Baiona, os aspirantes ao cetro dos monotipos J80 disputáronse tres mangas no interior da baía baionesa. Fixérono con moi boas condicións, nun día de pouca nebulosidade cun vento do noroeste que se mantivo estable e sempre por encima dos 12 nós, chegando mesmo aos 15 por momentos.

Os vascos do AD Grupo Garatu, armado por Juan Vázquez, foron os protagonistas do día, cunha actuación brillante en todas as probas. Con Iker Almandoz á cana, o veleiro tripulado por Íñigo Jáuregui, Íñigo Sánchez e Borja Ponche, asinou tres primeiros postos nos tres percorridos e colocouse líder da clasificación.

En segunda posición situouse outro dos favoritos para facerse co campionato, o Maui Jim Sunglasses de Javier Aguado. Os menorquines, con aspiracións a revalidar o título que lograron en 2016, empezaron algo frouxos, cun cuarto posto na primeira proba, pero lograron remontar as seguintes e con dous segundos apropiáronse da prata provisional.

Pecha o caixón do podio provisional a tripulación galega do Okofen, liderada polo histórico Javier da Gándara. Lucindo grímpola do club organizador, Gándara e os seus demostraron por que foron o mellor equipo galego de J80 na pasada tempada.

Ademais dos J80 que se disputan o Campionato de España da clase, no Trofeo Repsol deste 2018 participan cruceiros, fígaros e J70 s, e todos saíron á auga nesta primeira xornada de competición. Para os primeiros, o comité de regata deseñou un percorrido de algo máis de 13 millas pola ría de Vigo, que estivo moi disputado nas clases de cruceiro-regata e cruceiro.

O Oral Group Galimplant do Real Club Náutico de Sanxenxo, patroneado por Pedro Pazos, venceu nesta primeira xornada por uns 7 escasos segundos que logrou arrebatarlle ao Bosch Service Solutions do Club Marítimo de Canido, que vai segundo na xeral da clase cruceiro-regata. Un dos barcos que prometía dar guerra na competición, o MBA Atlántico de Rui Ramada, tivo que retirarse ao pouco de empezar por un problema que sufriu entre as balizas de Carallones e A Negra.

Na clase cruceiro, o liderado é para o Fend a Bise de Jean Claude Sarrade, do Monte Real Club de Yates; ao que lle segue moi de preto un dos seus maiores competidores, o Balea Dous de Luís Pérez, do Real Club Náutico de Rodeira.

Na clase A Dos, tras unha espectacular saída e inicio de percorrido, o Menudeta de Victor Carrión e Ana Sardiña tivo que retirarse da proba por un problema co spy, deixando ao Salaño Dous de Jacobo Veciño e Brenda Maure e o Q Talento de Javier Rey e Jorge Justo en pugna polo primeiro posto. Finalmente foi o Salaño o que se colocou no máis alto do podio provisional.

Na clase Fígaro, que tamén completou un percorrido costeiro dunhas 13 millas, a vitoria da xornada foi para o Serralleiras de Elena Raga. O Erizana patroneado por Alberto Iglesias e o Silleiro de José García de Miguel, van segundo e terceiro respectivamente.

E na competición dos J70, que se desenvolveu no fondeadero das Illas Cíes, a clasificación provisional quedou moi rifada, cos catro primeiros barcos separados por apenas un punto de diferenza. O Marnatura de José Luis Freire, patroneado polo mozo Luís Bugallo, vai na cabeza con 8 puntos. Séguelle o Mariña Rubicón de Alfredo González, con 9; e pecha o podio provisional o Joy Full de Denis Cherevalenko, chegado de Tallin, con 10.

O Trofeo Repsol continúa este domingo en Baiona coa segunda xornada de probas nun horario máis madrugador. Ás once da mañá darase o bocinazo de saída, no interior da baía de Baiona, á primeira das tres mangas programadas no Campionato de España de J80. Unha hora máis tarde, ás doce do mediodía, empezarán as probas dos J70 no fondeadero das Illas Cíes; e á unha será a quenda dos cruceiros e os fígaros, que volverán disputarse un percorrido costeiro polas Rías Baixas. Xa pola tarde, unha vez finalizada a competición na auga, o Monte Real Club de Yates ofrecerá ás tripulacións que participan no Trofeo Repsol unha cea mariñeira e unha degustación de cervexas e gintonics.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

SÍGUENOS

692FansGóstame
308SeguidoresSeguir

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies