spot_img
InicioGaliciaCompostelaBoa parte da despensa dos grandes chefs está aquí en Galicia Núñez...

Boa parte da despensa dos grandes chefs está aquí en Galicia Núñez Feijóo

boa-parte-da-despensa-dos-grandes-chefs-esta-aqui-en-galicia-nunez-feijoo

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, salientou onte que boa parte da despensa dos grandes chefs está aquí, en Galicia. Así o manifestou durante o acto de Presentación da Guía Michelin España-Portugal 2016, no Hostal dos Reis Católicos.

Tamén sinalou que a nosa comunidade destaca especialmente nese ámbito culinario, xa que, segundo indicou, temos a principal flota pesqueira do país, ninguén cuestiona o nivel dos mariscos extraídos nas nosas costas, somos o principal produtor de leite e a principal autonomía en produción de conservas.

Ademais, Feijóo quixo agradecer a escolla de Galicia como lugar de presentación da Guía Michelin España-Portugal 2016, aínda que afirmou que non lle sorprendía a elección xa que “a nosa comunidade é, a xuízo de calquera entendido, a meca da Cociña”. Asegurou así, que cada un dos restaurantes que logren a estrela Michelin vivirán esta noite un antes e despois, ao igual que Galicia, que se converterá por unhas horas na capital da gastronomía.

O mandatario galego recordou que o Goberno galego se ten afanado porque a marca Galicia Calidade, con máis de 300 produtos baixo ese paraugas, sexa un dos nosos principais sinais de identidade. Nesa liña, sinalou que na actualidade máis de 20 produtos contan cun distintivo de denominación de orixe que avala a súa excelencia. Segundo dixo, “os percebes de Cedeira, a centola de Lira ou o mexillón de Arousa son, ademais dun manxar en si mesmo, un lenzo en branco a partir do cal innovar e experimentar”.

Finalmente, o titular da Xunta destacou o papel fundamental que, tanto aos chefs que manteñen e melloran as receitas da cociña tradicional como os que incorporan novas técnicas vangardistas, desempeñan na sociedade, “ao ofrecernos a mellor escusa para socializar cos demais”.

- Publicidade -spot_img