·Publicidade ·spot_img
InicioVal MiñorNigrán'Balmi' o cachalote de Vive Nigrán xa loce en Praia América

‘Balmi’ o cachalote de Vive Nigrán xa loce en Praia América

'Balmi' o cachalote de Vive Nigrán xa loce en Praia América A peza, elaborada polo equipo do colectivo Retoque Retro, está creada con 200 quilos de residuos e busca a sensibilización social na protección do medio ambiente así como a posta en valor do papel dos mamíferos mariños no mantemento dos ecosistemas

O compromiso do Vive Nigrán coa súa contorna e coa sostibilidade está desde hoxe plasmado na escultura “Balmi”, unha doazón do Festival integrado na marca Rías Baixas Fest da Deputación ao Concello e que xa loce na rotonda máis próxima ao campo de Monte Lourido en Praia América, onde se celebra o evento.

A presidenta provincial, Carmela Silva, puxo hoxe en valor esta aposta medioambiental durante o descubrimento desta peza multicolor que representa a unha cría de cachalote escoitando música cuns auriculares e que foi elaborada polo equipo artístico Retoque Retro con 200 quilos de plásticos e residuos recollidos nas praias do litoral galego e tamén nas accións organizadas na sección Vive Sostible do evento. “Esta é –salientou- unha mostra da cultura circular, porque está claro que a través da cultura, neste caso da escultura, podemos transformar cousas que danan gravemente as nosas costas, que son a nosa vida, e podémolas converter en arte. Isto ten un valor moi importante”.

'Balmi' o cachalote de Vive Nigrán xa loce en Praia América

Carmela Silva destacou que a nova peza “é extraordinaria e vai embelecer Nigrán”, e amosa que “a cultura, a creatividade e o talento son imprescindibles para loitar contra cousas que facemos os seres humanos que están a danar dunha forma irreversible o noso planeta”. En concreto, para a elaboración de “Balmi”, cuxo nome fai referencia a súa situación no Val Miñor e que pesa máis de 400 quilos e mide máis de 5 metros de longo, o equipo de Retoque Retro, formado por Isa García (bióloga), Javi Serantes (escultor) e Ana Lee (mestra) percorreu unha vintena de praias galegas ata xuntar os 200 quilos de lixo de que está formada a escultura. Outra parte foi recollida na iniciativa Vive Sostible do festival, que promoveu este ano dúas accións de recolección de lixo en Praia América.

A escultura de máis de cinco metros de longo, realizada con residuos plásticos mariños, simboliza o compromiso do festival coa contorna e a sustentabilidade

“Temos que darvos a gracias por un traballo ben feito –engadiu a presidenta-. E creo que non vai ser a ultima escultura deste tipo na provincia de Pontevedra, porque creo que hai que sumarse ás boas e grandes ideas. Amais, isto vai servir para que todas as persoas, particularmente a mocidade, tome conciencia de que temos que ter colectiva e individualmente unha actitude fronte a seguir danando o planeta. Polo tanto tamén é verdade que sensibiliza. Hoxe é un día moi grande para Nigrán e para toda a provincia, porque estamos a mandar unha mensaxe moi poderosa, a mensaxe de que a cultura pode ser transformadora”. Amais do equipo autor da peza, Carmela Silva puxo en valor o traballo de sensibilización feito desde o festival, as empresas patrocinadoras do evento e desde o Concello, “cun alcalde creativo, comprometido e valente, que sempre se suma a proxectos innovadores”.

'Balmi' o cachalote de Vive Nigrán xa loce en Praia América

“Balmi” está elaborada a tamaño real dunha cría de cachalote, e está construída con paos de bateas, caixas de pescado, bidóns ou nasas plásticas entre outros materiais. O recubrimento elaborouse con botellas, tapóns, restos de xoguetes e trouzos de nasas que chegaron ás costas. A maior parte do lixo empregado, un 90%, é  mariño e o restante 10% urbano, con botellas e tapóns proporcionados pola veciñanza da zona. Amais de ser a acción máis destacada da iniciativa Vive Sostible do festival e símbolo de compromiso medioambiental, a escultura tamén busca a sensibilización social cara o papel das baleas e os mamíferos mariños no mantemento dos ecosistemas e do clima, e a alertar sobre a súa desaparición, coa ameaza que os plásticos supoñen para estas especies. Precisamente, Alfredo López, da Asociación Cemma, incidiu na súa intervención que a obra tamén rende homenaxe a unha balea que varou hai anos en Praia América e morreu pola inxestión de plástico.

O alcalde, Juan González, tamén se referiu ao papel sensibilizador da escultura:  “Que ‘Balmi’ nos conciencie da necesidade de seguir coidando este planeta” e agradeceu ás persoas participantes a súa implicación no proxecto, así como “a todo o voluntariado que axudou na recollida do lixo”. Pola súa banda, o director do festival, Juan Rivas, destacou que os Rías Baixas Fest “levan no seu ADN a sostibilidade e a protección do medio ambiente” e subliñou que “o mellor tería sido non facer unha escultura deste tipo, xa que a elaboramos recollendo lixo en todo o litoral galego”.

- Publicidade -spot_img

Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies