O punto informativo estará situado no Parque dos Tendais este luns 7 de outubro entre as 10 e as 13 horas.
O Plan Revitaliza de compostaxe da Deputación de Pontevedra estará o vindeiro luns 7 de Outubro, para falar de compostaxe coa veciñanza e animala a compostar os seus biorresiduos. Unha equipa de mestras e mestres composteiros instalarán unha carpa informativa na que ademais de explicacións sobre o compost, farán xogos e preguntas e repartirán plantas e outros agasallos entre as veciñas e veciños que estean máis ao día sobre a compostaxe.
O persoal técnico dará a coñecer todos os beneficios do modelo de xestión do lixo baseado na compostaxe que promove a Deputación e que pretende que os concellos cumpran os obxectivos fixados na normativa europea, estatal e autonómica en canto a reutilización e reciclaxe. Lembrarán que é precisa a colaboración da cidadanía e a súa concienciación e responsabilidade ambiental porque a Unión Europea esixirá compostar ou recoller en orixe separadamente os biorresiduos antes do 31 de decembro de 2023 de maneira obrigada.
As mestras e mestras composteiras explicarán tamén en que consiste a compostaxe comunitaria, amosando detalles de todo o proceso dende que o lixo orgánico (restos de comidas e vexetais) se xeran na casa ata que finalmente se produce o compost. Indicarán que todo o lixo orgánico (restos de vexetais, peixe e carne), tanto de cociñados como sen cociñar, son axeitados para facer compost, polo que se poden botar sen problema no composteiro e advertirán da importancia de cubrir con estruturante os restos que se deixen.
As actividades de información sobre o Plan Revitaliza pretenden dinamizar e impulsar a compostaxe como un modelo de xestión do lixo ambientalmente sustentable, achegando de maneira lúdica e sinxela á veciñanza que é compostar: dar unha nova vida aos residuos orgánicos para que volvan de novo á terra como fertilizante natural e xeren novos produtos, fomentando así a economía circular en lugar de queimalos ou envialos a un vertedoiro.



