O Alcalde de Baiona, Angel Rodal, mantivo esta mañá unha reunión de traballo coa conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, no Concello. Na reunión tamén estaban presentes a Concelleira de Urbanismo, Ana Simóns, e o Concelleiro de Vías e Obras, José Ángel Bahamonde.
A Conselleira mantivo hoxe unha reunión de traballo co rexedor baionés para presentarlle as actuacións de mellora que se executarán ao longo de 3 km da travesía de Baiona, na estrada PO-552. Vázquez trasladoulle ao alcalde, que a Xunta licitará no próximo mes de abril as obras de reforzo de firme na travesía desta localidade por preto de 340.000 euros.
A Xunta previra actuar nun treito de 2 km, entre a glorieta coa rúa das Areas e a existente ao final da travesía, pero atendendo ás demandas formuladas polo alcalde, ampliarase esta intervención, executando reparacións localizadas de firme ao longo dun quilómetro máis (entre os quilómetros 13 e 14 da travesía).
A conselleira explicou que tamén se vai a construír unha glorieta no acceso ao Porto de Baiona, dando así cumprimento á solicitude deste municipio
Concretamente vaise reorganizar a entrada do porto cuxa saída é bastante dificultosa para os que saen para Vigo. “O que se pretende é facer unha rotonda dun díametro duns 28 metros e poñer zonas ajardinas”, matizou o alcalde. “Neste proxecto contémplase retirar a fileira de colectores que alí se sitúan para crear unha zona axardinada e un miradoiro, duns 400 ou 500 metros cadrados, desde onde contemplar a beleza do mar e da Fortaleza de Monte Real”, sinalou Rodal. O rexedor cumpre así coa súa promesa de “Abrir Baiona ao mar”, realizada tras asumir a alcaldía. Os veciños gañarán unha nova zona de lecer e esparexemento.
As obras executaranse despois do verán, tal e como solicitou o concello, para minimizar as molestias e non entorpecer o paso da Volta Ciclista
O proxecto tamén contempla a colocación de novo mobiliario urbano, composto dos seus correspondentes bancos; papeleiras…Actualmente está en fase de redacción, prevendo finalizalo o antes posible co fin de licitalo en abril e poder iniciar os traballos o antes posible. Neste sentido, Ethel Vázquez concretou que as obras se realizarán despois do verán, tal e como solicitou o Concello, para evitar ocasionar molestias innecesarias a veciños e condutores e non entorpecer o paso da Vuelta Ciclista a España, prevista para o 21 de agosto. Estímase que os traballos teñan unha duración de 5 meses.
Coa creación desta nova zona axardinada, o Concello pretende revitalizar o lugar desde un punto de vista ambiental. Tamén se pretende incrementar o espazo paisaxístico e aumentar o lugar de esparexemento usado polos veciños nunha zona cuxas protagonistas serán as vistas do horizonte.





